25.2.13

Rianxo: as nenas e nenos do colexio Castelao aprenderon sobre oficios artesanais co programa "Enredando, artesanía na escola"

Colexio_castelao

  • Amosáronlles o procedemento para obter seda, desde o coidado dos vermes ao enfiado
  • A iniciativa de Economía e Industria ten por obxectivo concienciar á sociedade, comezando polos rapaces, do valor do produto feito á man

Rianxo, 25 de febreiro de 2013.- A Consellería de Economía e Industria presentou hoxe no CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao o módulo O gremio da seda do programa didáctico “Enredando, artesanía na escola”, unha iniciativa organizada pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño que ten por obxectivo achegar os oficios artesanais aos rapaces para que poidan coñecelos e valoralos en maior medida.

“Enredando, artesanía na escola”, que se iniciou no curso 2011-2012, chegou na súa primeira edición a case 4.000 alumnos e alumnas de toda Galicia. Durante este curso chegará a 22 localidades galegas, ofrecendo aos alumnos de educación infantil, primaria e secundaria a oportunidade de coñecer de preto o sector da artesanía.

Coa unidade didáctica presentada hoxe achégaselles aos estudantes o procedemento da obtención da seda, desde o coidado dos vermes ata a extracción e enfiado da seda dos casulos. Como novidade este ano preséntase tamén para alumnos de secundaria o módulo Do papel ao libro, no que os participantes elaboran artesanalmente follas de papel que logo encadernan.

Co programa “Enredando”, a Consellería de Economía e Industria persegue concienciar á sociedade do valor do produto feito á man, comezando polos máis novos, así como presentarlle aos rapaces a artesanía como unha alternativa para o seu futuro laboral. Deste xeito, contribúese a favorecer o relevo xeracional nos oficios máis tradicionais e promóvese o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores, trasladando aos cativos o valor engadido da artesanía no que se refire á súa creatividade, patrimonio cultural e tradición.






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical