- O proxecto, a cargo dos fotógrafos Xoán Antón Castro (Txorima) e Óscar Reboiras (blog Fotos de Rianxo), denomínase "Ruando Rianxo" e conta coa colaboración do Concello
- Buscan entrevistar a xente de todas as parroquias, que sexan "a voz e o sentir de moitos outros rianxeiros"
Foto de Radio Rianxo de Óscar Reboiras
A rianxeira a contralus, de Xoán Antón Castro
Rianxo, 28 de febreiro de 2013. Óscar Reboiras, blogueiro de "Fotos de Rianxo" e un vello flickeiro, Xoán Antón Castro Barreiro, Txorima, están a argallar "Ruando Rianxo", un proxecto "no que queremos fotografar e entrevistar a xente de todas as parroquias, coma vós e coma nós. Moitas veces temos pequenas grandes historias ao noso lado, na casa do veciño e pásannos totalmente desapercibidas. Por iso lle queremos poñer rostro aos traballadores do mar, aos artistas, ao agro, á hostalería, á música… que vive e medra en Rianxo", segundo explican en Fotos de Rianxo.
A súa idea foi "moi ben acollida" pola área de Cultura do Concello de Rianxo, da que teñen patrocinio e reserva de auditorio para finais deste 2013. Por iso buscan a colaboración de todos os rianxeiros para que lles suxiran persoeiros interesantes "que sexan a voz e o sentir de moitos outros rianxeiros" para que "cando se realice a mostra no Auditorio saibades que de seguro tedes un veciño, un amigo ou un familiar alí retratado e que descubrades, ao igual que Xoán Antón e máis eu, a outros rianxeiros cos que de seguro vos cruzastes moitas outras veces sen saber a súa historia".E rematan cos datos de contacto e unha invitación a colaborar, "porque Rianxo é un concello rico en persoas, en historias e en vivencias. E nós queremos plasmar parte desa riqueza. De feito, se coñecedes alguén interesante (e vivo) na vosa parroquia, podedes contactar con calquera de nós para valorar a súa inclusión na exposición":
Xoán Antón Castro: a.rosagz@gmail.com
Óscar Reboiras: oscar.reboiras@gmail.com
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario