11.7.11

Rianxo: vanlle dar para adiante á declaración como Ben de Interese Cultural Inmaterial da obra de Castelao

  • Non foi sen tempo: dende inicios do pasado goberno bipartito estase a catalogar a obra, que está espallada por todo o mundo
  • Pese a que a Xunta non sabe como encher a Cidade da Cultura, a Fundación Castelao segue nun minipiso en Santiago de Compostela, xa que non deron expropiado de malas maneiras a casa familiar de Rianxo
Media_httpfarm6static_slovo

Casa familiar de Castelao en Rianxo, propiedade da familia Baltar

Rianxo, 11 de xullo de 2011.- A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, aprobou con data do 28 de xuño de 2011 a resolución pola que se incoará o procedemento para a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) a favor do conxunto da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Esta resolución será comunicada ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural para a súa anotación preventiva como ben de interese cultural inmaterial. O proceso de catalogación da súa obra rematou, e xa fora iniciada na lexislatura anterior, cando gobernaban Psoe e Bng. Nunha incoherencia máis das numerosas da nosa política cultural, pasada e presente, a Fundación Castelao, que preside o histórico nacionalista Avelino Pousa Antelo, segue a estar nun pequeno piso de Santiago de Compostela, como denunciara o xa desaparecido xornal galego A Peneira en 2007 e do que nos fixemos eco aquí. Tampouco saíu adiante o proxecto de Academia Literaria Rianxeira que quería facer o anterior goberno socialista de Rianxo, entre outras cousas porque quería mercar ou expropiar ás bravas unha casa na que residira Castelao pero que é, lexítima e legalmente, da familia Baltar. Xa na compra da casa de Rafael Dieste houbera bastantes anomalías, pero na de Castelao, a firme determinación dos donos conseguiu paralizar todo.

Nos próximos días, a decisión será publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) e, seguidamente, abrirase un período de información pública polo prazo dun mes co obxectivo de que cantos teñan interese poidan examinar o expediente e alegar o que estimen conveniente. O inicio dos trámites para declarar BIC a obra de Castelao prodúcese no ano no que se celebra o 125 aniversario do seu nacemento.

A resolución determina a aplicación inmediata e provisional do réxime de protección previsto para os bens xa declarados. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural enmarca esta actuación no seu labor de protexer, conservar e difundir o legado que constitúe o patrimonio cultural de Galicia e transmitilo ao futuro. Este patrimonio constitúeno todo os bens materiais e inmateriais que, polo seu recoñecido valor propio, son considerados como de interese relevante para a permanencia e a identidade da cultura galega a través do tempo. Deste xeito, con esta actuación recoñecese a obra de Castelao como un dos bens mais sobranceiros do noso patrimonio cultural.

Personaxe sobranceiro da cultura galega

A decisión da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural vén motivada polo feito de que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo 1886- Bos Aires 1950) é un dos expoñentes máximos da nosa cultura e figura imprescindible para comprender a historia recente de Galicia e a súa realidade actual. Ao longo da súa vida, Castelao traballou con empeño a favor dos dereitos dos galegos e do recoñecemento da realidade diferencial de Galicia e a súa autonomía política. O galeguismo abrangue a totalidade do seu pensamento, o seu traballo e a súa vida. Deste xeito, toda a súa obra, nas súas múltiples vertentes de debuxante, literato, ensaísta e político, está profundamente marcada polo amor á súa terra e o compromiso con Galicia.

Castelao -prosegue a Xunta en nota de prensa- nunca disociou arte de compromiso, ética e estética, a obra artística en canto vehículo de concienciación e afirmación da identidade dun pobo. De feito, a súa achega ás letras, ás artes e á política é determinante para a recuperación da lingua e cultura galega e a formación dunha conciencia de Galicia como nación, intimamente ligadas á defensa das liberdades democráticas. A súa decisión de non separar a súa arte do servizo a unhas ideas levouno á utilización das técnicas e estilos máis axeitados a este fin, pero sen renunciar á contemporaneidade estética vangardista.

Por todo isto, o conxunto da obra de Castelao identificase como símbolo de Galicia e, polos seus valores e calidade, a súa produción creativa posúe un significado que trascende as nosas fronteiras e o seu legado ocupa un lugar destacado na historia da arte contemporánea europea.

No anexo que acompaña a resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) mencionase moi someramente os fitos principais da obra narrativa e plástica, con indicación neste caso do lugar onde se pode atopar. Esta relación sirve para dar unha idea da extensión, singularidade e pervivencia da súa pegada cultural.

Media_httpfarm6static_qajmf

Viñeta de Castelao sobre a Guerra Civil

Obra literaria e plástica
A primeira obra narrativa publicada foi Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922), na que Castelao bota man da sátira social e política. A súa segunda obra, Cousas (1926), componse de breves relatos, a través dos que busca a plena expresividade para representar a alma galega que hai en cada personaxe.

Retrincos, en boa medida extensión da fórmula de Cousas, está formada por cinco contos presentados como autobiográficos. Resultado da reelaboración de escritos ao longo de 25 anos, esta obra supón unha combinación equilibrada entre brevidade, sinxeleza e alto grado de elaboración.

Os dous de sempre (1934) é a única novela de Castelao. Nela, narra a historia de dous homes, convertidos en verdadeiros arquetipos do comportamento humano universal, deseñados por Castelao con claridade, elegancia e humor. A súa única obra de teatro é Os vellos non deben namorarse (1941). Con ela, Castelao incorpora tendencias renovadoras do teatro europeo das vangardas a unha obra que non abandona a súa raíz galega. En 1944, Castelao escribe Sempre en Galiza, un libro que está considerado como a obra por excelencia do nacionalismo galego. Outras dúas obras salientables son As cruces de pedra na Bretaña (1930) e As cruces de pedra na Galiza (1950), que son estudos históricos e descritivos deses elementos singulares.

Para rematar esta breve relación da súa obra literaria, hai que mencionar o libro Diario, que aínda que publicado en 1977 foi escrito por Castelao en 1921. Nel recolle as impresións da viaxe de estudos por Europa que fixo nese tempo e que lle deu a oportunidade de coñecer de preto as novas tendencias artísticas.

Media_httpfarm5static_kzrbc

Máscara orixinal empregada en "Os vellos non deben de namorarse". Museo Del Riego en Vigo.

En canto á obra plástica, Castelao foi un artista autodidacta, cunha capacidade natural para o trazo gráfico e para a síntese dunha imaxe real. No eido artístico, plasma todo un mundo de expresividade a través de técnicas e materiais moi variados como augada, tinta, carbonciño, lapis, óleo, pastel ou témpera, Domina, ademais, as distintas técnicas do gravado utilizando como soporte o papel, cartón e cartulina, pero destaca a súa preferencia polo debuxo rápido, apunte inmediato e de pequeno formato. Na obra gráfica de Castelao apréciase unha constante evolución na concepción da imaxe: parte dun comezo naturalista e costumista decimonónico, pero incorpora paulatinamente a composición e as percepcións espaciais do deseño moderno do seu tempo, influído pola fotografía e a estampa xaponesa e polas novidades formais do cartelismo.

Dentro da súa faceta plástica, cabe diferenciar tres etapas. A primeira, desde 1908 ata 1916, a segunda, desde 1916 ata 1936; e a derradeira, iniciada co estalido da Guerra Civil e definida pola posterior etapa franquista. Desa última época son as súas creacións artísticas de máis interese desde o punto de vista da consideración do autor como figura internacional. Gran parte da obra plástica de Castelao atópase dispersa en coleccións de diferentes entidades, museos e fundacións. Unha parte importante está en Galicia, pero tamén hai numerosas obras en arquivos, museos e coleccións de persoas e entidades do resto de España, e en Europa e América.

Documentación e localización da obra

Media_httpfarm3static_atqti

Avelino Pousa Antelo, preto dos cen anos, aínda preside a Fundación Castelao

Froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fundación Castelao, asinado no ano 2008, elaborouse un catálogo de toda a obra artística de Castelao que se recolle nunha base de datos dixital con máis de tres mil rexistros.

A bibliografía de Castelao e o conxunto da súa obra nas súas diferentes facetas é moi ampla e vaise ampliando ano a ano, sendo o interese que suscita de moi distintas procedencias xeográficas e temporais. En Galicia, é doado contemplar directamente moitas das obras orixinais de Castelao, xa que se conservan en numerosas institucións e son accesibles a investigadores e ao público en xeral.

Por exemplo, o Museo de Pontevedra, que contou con Castelao en 1929 como vogal do seu padroado principal, conserva un importante conxunto de obras e materiais (máis de 1.600) entre as que se atopan todas as estampas orixinais dos seus tres albumes de guerra (Galiza Mártir, Atila en Galiza e Milicianos), así como o manuscrito de Sempre en Galiza, a serie de Debuxos de negros, todos os materiais da obra As cruces de pedra na Galiza, 100 debuxos realizados para ilustrar As cruces de pedra na Bretaña e a segunda e definitiva versión manuscrita de Os vellos non deben de namorarse.

Pola súa banda, no Museo Provincial de Lugo atópanse 27 debuxos e gravados, unha augada, una litografía e dous óleos de Castelao, en parte doados por Álvaro Gil Varela no 1965. En Vigo, no Museo Quiñones de León, hai unha colección de 110 debuxos, e en Sada, o Museo de Carlos Maside conserva 65 debuxos e augadas. O Museo de Belas Artes da Coruña posúe 3 debuxos a tinta e un gouache, mentres que o Museo do Pobo Galego de Santiago conta con 129 debuxos e gravados de Castelao.

Unha parte da obra de Castelao é conservada por institucións como Novacaixagalicia, que conta on 72 murais e 176 debuxos de Cousas da Vida. Por outra parte, a Universidade de Santiago de Compostela custodia 79 debuxos; a Fundacion Penzol, 52; a Fundación Vicente Risco, 36 debuxos e gravados; o BBVA, que ten 25 debuxos, e a Biblioteca Nacional de España, que conserva 62 debuxos. No Centro Superior Bibliográfico de Galicia (hoxe Biblioteca de Galicia) gárdanse 18 debuxos de Castelao, outros 17 no Instituto de Estudos Galegos do Padre Sarmiento, e a Real Academia Galega conserva outro 15 aos que hai que sumar 2 gravados.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical