- É unha decisión motivada pola "alta concorrencia e a calidade das propostas presentadas"
- A casa de Axóuxere en Xens configúrase como un espazo creativo "aberto para o despregue persoal e comunitario"
A última escritora que pasou pola residencia de Axóuxere foi Nerea Pallares
Rianxo, 11 de xaneiro de 2013. A iniciativa cultural de Nora Viéitez, Rafael Xaneiro, Roberto Abuín e Xosé Manuel Tubío, Axóuxere Editora, está a ter un éxito enorme nas súas convocatorias. O boca a orella para ocupar un dos cuartos na casa da aldea rianxeira espallouse como o centeo nun día de vento e tamén as redes sociais (http://axouxerestream.com) contribuíron a que a convocatoria para a Residencia de Inverno 2013 recibise un número alto de propostas, "a maior parte delas interesantes", aseguran. Mais iso implica unha gran responsabilidade e explican que "coñecendo que a nosa tarefa como xestores culturais debe ser a de dinamizar e facer medrar o espectro contemporáneo na arte, na literatura e no pensamento, finalmente decidimos seleccionar non só unha proposta senón tres. A excepcionalidade desta decisión débese, como xa dixemos, á alta concorrencia, e á calidade das propostas presentadas. Deste xeito, lamentando ter que deixar outras -tan válidas ou tan interesantes como as elixidas- á marxe, presentamos as candidaturas que seleccionamos. Estas candidaturas concorrerán entre o mes de Febreiro e o de Abril (tres meses, polo tanto), mantendo a editora contacto cos elixidos a fin de determinar o tempo da súa estancia".
As candidaturas elixidas son:Amilcar Bettega Barbosa (escritor e tradutor de Brasil)
Chiara Bertin (artista visual de Italia, agora en USA)
Elisa Iglesias Gil (Galiza)
Un espazo aberto e de benvida
Segundo argumentan os responsables de Axóuxere, "a intención da Residencia de Escritores é a de permitir o desenvolvemento dun espazo e tempos propicios para o despregue persoal, comunitario e creador. É por iso que, malia ter que seleccionar unha ou unhas poucas propostas de cada Convocatoria, a idea é que o espazo de Axóuxere estea aberto á convivencia comunal. É deste xeito un espazo ao que quen quixera coñecernos e compartillar con nós pode achegarse; a este noso pequeno, pero confortable lar. Océano-Universo".
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario