17.8.11

Ribeira: do venres 19 ao domingo 21 de agosto, V edición da Feira Artesanal e Mariñeira

  • Agárdanse un cento de postos e paradas
  • A feira estará amenizada por actividades que van dende o circo á pirotecnia, pasando por xogos infantís, teatro e música
Ribeira, 17 de agosto de 2011.- Un cento de postos e paradas participarán os vindeiros días 19, 20 e 21 de agosto na quinta edición da Feira Artesanal e Mariñeira de Riveira na que ademais da parte expositiva daranse cita todo tipo actividades de rúa, música tradicional galega e portuguesa, teatro e circo ambulante, contacontos, zancudos, xigantes e cabezudos, xogos infantís, pirotecnia, e outras accións que encherán o acontecemento de divertimento e animación. 

Os concelleiros de Comercio e Turismo, Anxo Orellán, e de Cultura, Elvira Pisos, foron os encargados de explicar polo miúdo o programa desta feira e destacaron a gran implicación recibida por parte de comerciantes e hostaleiros nesta convocatoria. Tamén interviron na presentación os técnicos municipais Unai González e Chiki Durán. 

Sobre a parte expositiva, Elvira Pisos destacou que este ano houbo o dobre de solicitudes que postos se concederon, pois a organización preferiu priorizar “a calidade e diversidade de postos e produtos a ofrecer antes que a cantidade”. Estes stands proceden de lugares como Francia, Portugal, Marrocos, Arxentina, Brasil, Cuba, India e de boa parte de España como Andalucía, Valencia, Cataluña, Asturias, Estremadura, A Rioxa, Castela A Mancha, etc... o que vén  consolidar esta feira como referente en Galicia e en España.  

En canto ao lugar de celebración, nesta edición cambia o itinerario e primarase a zona do Malecón en canto a área expositiva, pois é intención do Concello seguir abrindo o evento ao mar para resaltar a súa temática. Non obstante, tamén se emprazará en zonas peonís como a rúa de Santa Uxía e haberá actividades no entorno da Igrexa parroquial, nas prazas do Concello, Pablo Neruda, de Vigo ou de Ourense, etc... ademais do propio Malecón. 

Concurso de escaparatismo

Segundo referiu Anxo Orellán, esta feira vai supoñer un impulso ao turismo e ao comercio da cidade, e para este fin cóntase coa colaboración da Asociación de Empresarios e do Centro Comercial Aberto Viamare. Unha das novidades desta edición será un concurso de escaparatismo de temática artesanal e mariñeira na que participarán sete establecementos. 

Rutas de tapeo mariñeiro e de cócteis

Outra das novas iniciativas promovidas foi a de involucrar a hostalería local a través de dúas actividades: unha ruta de tapeo mariñeiro (os bares e cafeterías inscritos porán a disposición dos clientes tapas realizadas con produtos do mar) e unha ruta de cócteis da feira (que ofrece a posibilidade de degustar un cóctel propio e único en cada establecemento participante, todos eles con nomes mariñeiros: dorna, galerna, rompente mariña... e así ata 20 variedades). 

Moitos establecementos organizarán ademais actividades paralelas como concertos, exposicións, menús mariñeiros, conxuros de queimadas.... Ademais, algúns establecementos comerciais participarán na parte expositiva da feira ou ben abrirán os seus locais a fin de semana para aproveitarse do tirón de visitantes que se prevé recibir. 

En canto aos elencos que se encargarán de animar as rúas durante a feira, cabe destacar entre eles Confusión de Toledo (con ogros xigantes, figuras...), Al-Folk (formación musical arábigo-andaluz), o grupo de gaitas A Gandaina de Palmeira, Bom-Bom (teatro ambulante, encantadores de serpes...), Tuttis Catraputtis (grupo de música tradicional portuguesa), Cenáculo Teatro (circo e animación de rúa), Pista Activa (acrobacias, clown, malabares...), A Roda (circo) e Atraspies Circo (espectáculo circense). 

A organización quixo destacar tamén a implicación de distintas asociacións do municipio, como as Amas de Casa ou “Riveira escríbese con v” e convidar á xente que acuda a feira a vestirse de época para darlle máis sabor mariñeiro á feira.

 


Programa da Feira Artesanal e Mariñeira.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical