6.10.10

Rianxo: alumnos do programa Comenius do "Félix Muriel" voltaron da illa de Kos, en Grecia

Rianxo, 6 de outubro de 2010. Un grupo de alumnos e profesores do IES "Félix Muriel" regresou o pasado sábado da illa grega de Kos, coñecida por ser o berce de Hipócrates, o pai da mediciña moderna, e que se atopa moi perto da costa turca e da antiga Halicarnassos, onde seica estivo situado o templo de Artemisa, considerado unha das sete marabillas do mundo antigo.

Antiga ágora de Kos. Foto da Wikipedia

En Kos tivo lugar o 3º encontro do Programa G.A.T.E.-Comenius, no que cooperan centros de Nordhom (Alemaña), Korczyna (Polonia), Kos (Grecia) e Rianxo, e ten como obxectivo principal a convivencia e a intercomprensión entre alumnado e profesorado de catro rexións fronteirizas  europeas.

O fomento do traballo en común e a idea de intercambio lingüístico-cultural plasmouse desta volta na confección dun glosario en dez linguas europeas, entre elas o galego, que comezou a elaborarse en Kos e que estará rematado antes da derradeira reunión en Nordhom, Alemaña, no vindeiro mes de maio de 2011. Tamén se intercambiaron  en Kos os folletos publicitarios das catro áreas xeógraficas implicadas nos que os centros traballaron desde a anterior reunión.

Segundo explica a coordinadora do programa "Comenius" do instituto rianxeiro, a profesora Rosa María Suárez Redondo, "foi esta unha grande oportunidade da que tiraron proveito os alumnos do IES Félix Muriel de Rianxo, tanto aqueles que, pola modalidade dos seus estudos,  contactaran previamente coa lingua e cultura clásicas como os que manifestaron querer proseguir a súa formación no Bacharelato Internacional. Cómpre salientar, ademais do excelente ambiente de traballo en común, a desbordante hospitalidade grega, que se manifestou na familiaridade e facilidade no trato persoal e na constante preocupación para que a estancia na illa fora do maior agrado posible para todos os membros do grupo".


Illa de Kos na Wikipedia, aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical