16.8.12

Ribeira: xa na Sala Museo a medalla de prata dunha das Heroínas de Sálvora

Ribeira, 16 de agosto de 2012. Dentro da programación da Semana do Mar, a Sala Museo Municipal alberga xa a medalla de prata de salvamento concedida a unha das heroínas de Sálvora, Josefa Parada, condecoración que foi doada o pasado mes aos fondos do museo.

O tenente de alcalde Juan Luis Martínez, a edil de Cultura Elvira Pisos, e a directora do museo, Pilar Casas, presentaron hoxe, xunto con José Parada, a medalla de prata de Salvamento concedida pola Cámara de Comercio de Pontevedra á valente muller.

Josefa Parada Crujeiras tivo o arroxo de saír, na noite do 1 ao 2 de xaneiro de 1921, coa súa dorna para rescatar algunha das vítimas do naufraxio do vapor Santa Isabel, no que chegaron a morrer máis de 200 persoas.

Agradecemento

Juan Luis Martínez agradeceu expresamente a José Parada o feito de que doara a condecoración e salientou o feito de que no 2013 contarase cunha exposición temporal dun ano que abordará a historia do barco vapor Santa Isabel, desde a súa construción nos asteleiros de Matagorda, Puerto Real (Cádiz) ata o seu afundimento en Sálvora, mostrando imaxes e pezas que non se viron ata o momento, como é o caso dos planos que recollen as sucesivas etapas de construción do buque.

José Parada, veciño afincado en EEUU, asegurou que moitos dos detalles que coñece sobre o naufraxio lle foron contados nas moitas conversacións de sobremesa que escoitou, sobre todo por parte de seu pai, no seu fogar. A condecoración exhíbese xunto con outra peza alusiva á traxedia do Santa Isabel: a dunha campá pertencente á embarcación.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical