O BNG de Rianxo reclama a urxente substitución dos columpios do Colexio de Asados
A estrutura xeral desta zona de xogo está abaneando e os elementos de madeira como barrotes e varias táboas do conxunto romperon e están estragadas. Hai máis dun ano que o BNG pediu a súa substitución por outros bambáns.
Rianxo, 18 de marzo de 2010. (Nota íntegra do Bng) Ao longo deste mandato e o anterior desde o BNG fixemos especial fincapé na necesidade de realizar un DIAGNÓSTICO E UN PLAN DE AMAÑOS DE ZONAS DE XOGO INFANTÍS. O BNG consideraba e considera urxente iniciar unha completa diagnose do estado actual das instalacións e realizar un plan de choque municipal de mínimos para acometer reparacións urxentes. O tempo vai pasando sen que o executivo realice como era a demanda do BNG unha completa avaliación das áreas de xogo rianxeira para ilas axeitando á normativa ( Decreto da Xunta 245/2003) e priorizar as actuacións derivadas do estudo. Mentres teremos que ir denunciando unha a unha as intervencións necesarias.
A Deputación aprobou un Plan especial de parques infantís no ano 2009 para colaborar cos concellos nesta tarefa e que se concretou coa reforma tal e como nós propuxemos da zona de xogo do Auditorio, ademais dos existentes na zona da Martela. Pero non pode quedar aí o esforzo investidor do Concello: debe saír ao paso doutras áreas prioritarias polo seu emprego diario. Este sería o caso do Colexio de Asados que hoxe se denuncia e que esixe unha pronta actuación municipal sobre un parque infantil empregado a diario no recreo polos escolares, que xa foi froito de moitas reparacións de urxencia e que está claramente degradado e debe ser substituído. Non debería acabar o curso escolar sen que se cambie por outros elementos adaptados ás normas que garantan a seguridade dos rapaces e rapazas de Asados.
Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario