O conselleiro salientou a importancia das administracións municipais e compromete o apoio da Xunta no seu fornecemento
Pola mañá, Alfonso Rueda estivo tamén na sesión do Consello da Xunta en Santiago
A Pobra do Caramiñal, 18 de marzo de 2010.- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, visitou hoxe o Concello da Pobra do Caramiñal, onde foi recibido polo seu alcalde, Isaac Maceiras, quen lle fixo entrega do Escudo de Prata do municipio pobrense.
Rueda agradeceu a distinción e destacou que este sinal de afecto é o escudo dun concello universal, que serviu de inspiración a Valle Inclán, un dos máis sobresaíntes escritores galegos, e que ao longo do tempo ten sabido manter a súa identidade e a súa beleza cun urbanismo respectuoso co medio.
O conselleiro fixo un eloxio da actividade dos concellos galegos, dos que dixo que son espazos idóneos para prestar bos servizos públicos e facer boa política, sen distinción de cores e con compromiso, proximidade aos cidadáns e sendo exemplo de aproveitamento eficiente dos recursos escasos.
Nese sentido, o titular de Presidencia recordou que son precisamente os concellos as administracións que peor o están a pasar na actual situación de crise económica e comprometeu o apoio da Xunta no fornecemento dos municipios, como quedou exemplificado coa habilitación para este ano 2010 dun fondo extraordinario de máis de 18 millóns de euros, que permitirá que ningún concello galego reciba este ano nin un euro menos do que recibiu en 2009 do Fondo de Cooperación Local.
Así mesmo, destacou os consensos acadados cos representantes dos concellos, a Fegamp, a prol dun novo modelo de desenvolvemento urbanístico e para negociar o sistema de financiamento para os vindeiros anos. Tamén fixo mención aos apoios singulares que leva a cabo a Consellería para axudar aos concellos na mellora dos seus servizos, que no caso da Pobra do Caramiñal se ten exemplificado nas obras na sede da Policía Local e en melloras no arquivo municipal.
Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario