
O investimento realizado é de 1.157.775 euros. Tamén se inaugura o parque biosaudable que está ao pé
Boiro, 9 de decembro de 2010. O Concello de Boiro inaugurará este sábado, día 11 de decembro, ás oito da tarde, o centro social multiusos e o parque biosaudable da parroquia de Abanqueiro, un acto no que están convidados a participar tódolos veciños e que contará coa colaboración de distintas entidades da parroquia. Agárdase ao grupo de gaitas Brincadeir@s e ao grupo de baile da Anpa de Abanqueiro, que actuarán durante a mesma. O Alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes, será o encargado de descubrir a placa conmemorativa, co nome de “Centro Social A Fieiteira”, referente ao lugar no que está emprazado. O investimento realizado neste novo servizo, así como no parque biosaudable anexo ao Centro Social, é de preto de 1.158.000 euros, aportados por Xunta (Consellerías de Presidencia e Cultura) e Deputación da Coruña, a través de distintos programas. Esta cantidade inclúe tamén o mobiliario e a urbanización exterior do edificio. O Centro Social e Multiusos “A Fieiteira”, explican dende o Concello, "é un moderno e funcional edificio que cubrirá unha importante necesidade nesta parroquia, que conta cunha forte tradición asociativa, e contribuirá a dinamizar a vida sociocultural da mesma". O edificio conta cunha pranta baixa de 446 metros cadrados, na que destacan o salón de actos, con capacidade para algo máis dun cento de persoas, e a cafetería. No primeiro andar sitúase a biblioteca, con máis de 300 metros cadrados, e dúas aulas de distintas dimensións.
Parque biosaudable

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario