- Os lazos apareceron en Runs (Boiro) e foron denunciados tamén por Axena
12 de abril de 2012. Segundo explica hoxe en nota de prensa a asociación ecoloxista Adega, "perante a aparición de 25 lazos e varios exemplares de lobo mortos nos montes do Barbanza (parroquia de Runs, Boiro), ADEGA vén de denunciar diante da Fiscalía do TSXG estes feitos xa que poden constituir un delicto contra os recursos naturais atendendo ao artigo 336 do Código Penal. No entanto, en moitos montes do país estase a desenvolver unha auténtica persecución a morte do lobo, que alén destas salvaxes prácticas ilegais, ten tamén que enfrontarse a unha administración cómplice que deixou a súa xestión nas mans dos cazadores e ás informacións negativas sobre este cánido que aparecen dende hai meses nalgúns medios subvencionados. Con eses vimbios temos agora este cesto: entre os lazos asasinos, o chumbo dos cazadores, o desleixo da Xunta e a propaganda negativa, o lobo galego está a sufrir un exterminio legal e ilegal. ADEGA fai un chamado á cidadanía para denunciar este e outros atentados contra a nosa fauna perpetrados con lazos, trampas ou cebos envelenados. E para as denuncias sexan efectivas, compre seguir un Protocolo_LAZOS_E_CEBOS para garantir a validez das probas".
Escrito presentado
Á FISCALÍA DO TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALIZA
Sr. D. Álvaro García Ortiz
Fiscal Delegado de medio ambiente, urbanismo, patrimonio histórico e incendios
de Galicia
Fins Eirexas Santamaría, con DNI 5XXXXXXXX-X, no seu nome e en representación de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) CIF 15044811, con domicilio a efectos de notificación na Travesa dos Basquiños 9, baixo, 15704 Santiago de Compostela, quere poñer no seu coñecemento os seguintes feitos que son obxecto de DENUNCIA:
FEITOS
Nos pasados días teñen aparecido e foron retirados polo SEPRONA 25 lazos na Serra do Barbanza, aparecendo nun deles un lobo con indicios de ter morto por atrapamento e graves síntomas de agonía e sufrimento durante varios días, así coma outro exemplar de cánido (descoñecéndose se se trata dun híbrido de lobo ou dun can) nas mesmas circunstancias.
Que preocupa fondamente está práctica ilegal que ten unha repercusión moi grave sobre a fauna e o medio ambiente, tratándose dun feito que por desgraza parece máis habitual na provincia de A Coruña e do que non semella existir unha eficacia administrativa que poña fin a este tipo de infracción, non só por incumprimento das disposicións administrativas, e polo tanto con responsabilidades administrativas, senón tamén por adquirir dimensións delictivas típicas amparadas polo Código Penal.
Que neste caso consta que por medio de ditos lazos se teñen producido ao menos 2 capturas de animais, unha segura de lobo, e outra dun can ou posible híbrido, e que polo número detectado nun corto espazo de territorio (de coma mínimo 25) constitúen uns feitos que por si solos presentan un risco potencial para o medio ambiente de carácter grave, semellante ao uso de velenos ou explosivos nos termos esixidos no artigo 336 do Código Penal.
Que segundo o informe “Distribución e aspectos poboacionais do Lobo Ibérico na Provincia de A Coruña e Pontevedra”, realizada por ARENA (ASESORES EN RECURSOS NATURAIS, S.L) para a Xunta de Galiza no ano 2003 (ver páx. 72-73), os datos que se proporcionan refírense a unha presenza de indicios insuficientes como para determinar un asentamento seguro dunha manda, especificándose simplemente a súa probabilidade, información que dende un punto de vista ecolóxico evidencia que dita especie, dentro deste espazo territorial, está a ter dificultades para o asentamento estable desta especie a nivel local, podendo concluírse que dita especie non resulta abundante e que, máis ben, mantén as súa poboación en precario, incluso podendo tratarse de individuos que non constitúen manda e procedentes doutros territorios de cría que manteñen certa conectividade ecolóxica con esta Serra.
FUNDAMENTOS DE DEREITO
1. Estes feitos poden ser constitutivos dun delito contra os recursos naturais do Código Penal:
“Artigo 336: O que, sen estar legalmente autorizado, empregue para a caza ou pesca veleno, medios explosivos ou artes de semellante eficacia destrutiva ou non selectiva para a fauna, será castigado coa pena de prisión de catro meses a dous anos ou multa de oito a vinte e catro meses e, en calquera caso, a de inhabilitación especial para profesión u oficio e inhabilitación especial para o exercicio do dereito a cazar ou pescar por tempo de un a tres anos. Se o dano causado fora de notoria importancia, impoñerase a pena de prisión antes mencionada na súa metade superior.”
2. Que segundo o establecido no Código Penal a colocación de lazos, aínda que non figura como tal, pode ser constitutivo do delito recollido anteriormente, atendendo a seguinte interpretación:
3. Que segundo a doutrina actual en materia de uso de lazos son varios os tribunais (ver sentencia da Audiencia Provincial de Huelva 25-9-2006 ARP 2007, 402; ou a de Córdoba sentencia núm. 309/2008 de 9 de decembro ARP 2009/526; ou de Lleida en su sentencia núm. 538/2004 de 29 de novembro JUR 2005/35560) que entenden que con respecto á colocación de lazos, estes poden ser usados con eficacia destrutiva indiscriminada, indicándose que : “os lazos nun lugar de paso de animais non fere nin selecciona senón que produce a morte case segura de calquera animal que quedase capturado no mesmo e elo, calquera que fose a súa especie, idade, sexo ou estado, incluso que poida estar catalogado como en situación de perigo ou extinción; integra o requisito da eficacia destrutiva indiscriminada, que neste caso vai acompañada tamén da de xeneralizada”.
4. Que as diferentes sentencias existentes en vinculación co artigo 336 do CP veñen a expresar que os lazos poden entenderse como artes de semellante eficacia destrutiva ao veleno ou explosivos, ben na súa calidade de medio de destrución masivo ou xeneralizado, ou ben pola súa eficacia indiscriminada para calquera especie ou animal. De feito algunhas sentencias comparan o uso do veleno co do lazo, argumentando que se algo caracteriza o uso do veleno para a caza é a imposibilidade de discriminar a especie de animal que se ve finalmente afectada polo mesmo, extremo que é plenamente compartido polo uso do lazo, xa que, en tales trampas, pode caer calquera animal converténdose así o lazo nun instrumento de semellante eficacia destrutiva indiscriminada da fauna. Outras sentencias estiman que para que os lazos se consideren como un medio de destrución semellante ao veleno ou ós explosivos, é preciso que teñan eficacia destrutiva indiscriminada de calquera animal, e ademais, xeneralizada ou masiva, considerando que cando o lazo é un medio de caza que non discrimina a especie non se consideraría un instrumento que poida ocasionar unha destrución xeneralizada;
5. E que con relación aos lazos, considerando tanto o seu tamaño, coma forma e características, e o número e o lugar no que se colocan, poden acadar unha real capacidade de incidencia para afectar á fauna.
6. Que vistos os apartados anteriores, conclúese que os lazos poden equipararse a outras artes semellantes en eficacia destrutiva para a fauna, e capaces de orixinar efectos de destrución masiva ou xeneralizada, e de eficacia indiscriminada para calquera especie ou animal, tendo unha real capacidade de incidencia para lesionar ou matar a aquelas especies que poderían resultar afectadas.
Que ditos feitos tamén figuran contemplados coma infraccións nas seguintes normas administrativas:
7. Considerando que a Lei 4/1997 de Caza de Galiza recolle no seu artigo 22, sobre obrigacións dos titulares, que serán, entre outras medidas, deberes dos titulares do aproveitamento de terreos suxeitos a réxime especial “responder da organización e correcta execución das actividades cinexéticas que leven a cabo” (ver letra e do artigo 22).
8. Que para a regulación e organización deste tipo de actividades cinexéticas a Lei dispón que os titulares deben contar con Plans de ordenación e aproveitamentos cinexéticos, segundo o disposto no artigo 44, e nos que se incluirán entre outros aspectos “un sistema de seguimento da propia planificación e unha previsión de mecanismos correctores” (apartado 2 letra .c), así coma “as accións de conservación das especies cinexéticas, así como, no seu caso, doutras especies silvestres”
9. Que o mesmo artigo recolle no seu apartado 4 que de comprobarse “que un plan de ordenación ou aproveitamento aprobado... se está aplicando indebidamente, previa incoación do oportuno expediente sancionador, poderá ser anulado ou suspendida cuatelarmente a actividade cinexética, sen prexuízo de que a Consellería con competencias emprenda as demais accións que correspondan contra o titular do TECOR e contra quen subscriba o plan, no seu caso".
10. Os incumprimentos das responsabilidades dos titulares dun TECOR cinexético en Réxime Especial, nas que se inclúen as medidas de conservación, medidas correctoras, segundo o artigo 24, establécese que “ante o incumprimento das condicións, obrigas, limitacións ou prohibicións establecidas nas autorizacións para o aproveitamento ou explotación de terreos suxeitos a réxime cinexético especial, a Consellería con competencias en materia de caza, previa audiencia dos titulares dos dereitos cinexéticos, poderá suspender cautelarmente o exercicio da caza nos mesmos ou iniciar expediente de anulación da declaración sen prexuízo da imposición das sancións que lles correspondan”.
11. Que o artigo 58, establece no seu punto 5, que será motivo de infracción grave “cazar empregando algún dos procedementos ou instrumentos relacionados no número 25 do artigo anterior (referido a infraccións leves: posuír sen autorización ou identificación lazos, trampas, cepos...), así coma calquera outro medio masivo ou non selectivo”.
12. Que sobre procedementos masivos e non selectivos de caza, o artigo 32 establece que “quedan prohibidos a tenza e utilización de tódolos procedementos de caza masivos ou non selectivos, así como aqueles que puidesen causar localmente a desaparición dunha especie cinexética ou indirectamente dunha especie incluída nalgún dos catálogos de especies ameazadas, ou alterar significativamente a estabilidade das súas poboacións e dos ecosistemas de que forman parte”.
13. Que segundo o artigo 56 as accións ou omisións que infrinxan o establecido na presente Lei darán lugar a responsabilidade de natureza administrativa, sen prexuízo da exixible na vía penal ou civil.
14. Que a Lei 42/2007, de 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, establece no seu artigo 1, que dita lei establece o réxime xurídico básico en materia de medio ambiente, sendo a actividade cinexética unha especificidade dentro desta materia. Así o Capítulo IV do Título III estable a Protección das especies en relación coa caza e a pesca continental.
15. Que o artigo 62. apartado 2. establece que o exercicio da caza regularase de modo que queden garantidas a conservación e o fomento das especies autorizadas para este exercicio.
16. Que o artigo 62 apartado 3 establece que queda prohibidas, a tenza e emprego e comercialización de tódolos procedementos masivos ou non selectivos para a captura ou morte de animais, en particular os enumerados no Anexo VII, así como aqueles procedementos que poidan causas localmente a desaparición, ou turbar gravemente a tranquilidade das poboacións dunha especie.
17. Que dito Anexo VII, sobre procedementos para a captura ou morte de animais e modos de transporte que quedan prohibidos, recolle entre outros medios masivos ou non selectivos: as “trampas non selectivas no seu principio ou nas súas condicións de emprego”, ou os “cepos”, ou “lazos (só para aves), “trampas cepo”, “velenos”, ou “cebos envelenados”.
18. Que o artigo 62, no seu apartado 3 letra h establece que “cando se comprobe que a xestión cinexética desenvolta nunha finca afecte negativamente á renovación ou sostibilidade dos recursos, as Administracións Públicas competentes poderán suspender total ou parcialmente a vixencia dos dereitos de caza”.
Por todo o exposto, SOLICÍTASE que a Fiscalía:
1) Persónese no procedemento penal oportuno;
2) Proceda á apertura de dilixencias de investigación sobre os graves feitos acontecidos, adoitando aquelas medidas que permitan identificar aos responsables da colocación de ditos lazos e que tivo coma resultado a morte destes animais;
3) Así como investigar a existencia de responsabilidades por parte do titular do aproveitamento cinexético onde se teñen producido os feitos por incumprimento grave na vixilancia e conservación de dito terreo cinexético, incluso ordenando a suspensión cautelar de toda actividade cinexética se procede;
4) Ou de outros sectores produtivos gandeiros vencellados a estes montes, e propietarios ou Comunidade de Montes de ser o caso, e aparentemente beneficiados pola eliminación de carnívoros con respecto á depredación de gando;
5) Que investigue se existe unha inoperancia na aplicación da disciplina administrativa, tal como o abandono ou falta de dilixencia na función inspectora e de policía, no control e vixilancia no uso de métodos masivos e non selectivos que atentan contra a fauna, por parte da Dirección Xeral de Conservación da Natureza de Galiza, ante a recorrencia destes feitos na provincia de A Coruña e a percepción de impunidade na que semellan actuar os responsables destes atentados contra o medio ambiente.
Asimesmo o Ministerio Fiscal, como garante da legalidade, pode instar á Xunta de Galiza a que tome as medidas oportunas para que realice unha función de policía e inspectora para unha adecuada xestión na ordenación dos recursos cinexéticos.
Compostela, 12 de abril de 2012
Asdo.: Fins Eirexas, secretario executivo de ADEGA
Adega tamén entra a denunciar os lazos para matar lobos atopados en Runs, Boiro blogueiros.axena.org/2012/04/09/ase… vía @
Antes, en Certo:
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario