12.4.12

Pesca: a lonxa de Ribeira bate o récord de facturación en marzo con ventas por 4,5 millóns de euros

  • O volume de descargas ascendeu a 3,2 millóns de quilos
  • Estornino, castañeta, xarda, boga, pota e xurelo foron as principais especies capturadas
  • Por outra banda, o Psoe critica a falta de apoio do goberno do PP en Madrid á flota pesqueira destacada en Gabón


Media_httpfarm4static_femkh

Ribeira, 12 de abril de 2012.- A Lonxa Municipal acadou no pasado mes de marzo de 2012 o maior rexistro de facturación da súa historia, ao dar cabida a transaccións económicas por un importe global de 4.502.070 euros. Ata a data, o mellor mes en ventas da instalación portuaria tivera lugar en marzo de 2010, cando se rexistraron 4.250.000 euros.

Cómpre salientar así mesmo que as descargas de peixes, mariscos, equinodermos e demais especies mariñas ascenderon a un total de 3.214.293,59 euros e que o prezo medio foi de 1,40 euros por quilo. Como especies máis destacadas, hai que referirse en primeiro lugar ao estornino (tamén chamado cabalón) que obtivo transaccións por valor de 867.750 euros, cun volume de descargas de 842.131 quilos.

As seguintes especies en importancia foron a castañeta ou palometa (701.710 euros de facturación e 436.896 quilos), a xarda (arrastre: 609.297 euros e 637.866 quilos; artes varias: 5.437 euros e 4.656 quilos), a boga (399.028 euros e 470.289 quilos), a pota costeira (339.133 euros e 164.251 quilos) e o xurelo (arrastre: 102.521 euros e 79.390 quilos; cerco: 53.628 euros e 41.581 quilos; liña: 1.629 euros e 616 quilos).

Outras especies dignas de ser citadas polo seu rendemento económico foron o polbo (149.111 euros e 19.165 quilos), o congro (105.835 euros e 81.176 quilos), a pescada (pescadilla en artes varias: 74.501 quilos e 22.627 euros; pescadilla en arrastre: 32.815 euros e 13.875 quilos; merluza: en artes varias: 33.253 euros e 5.545 quilos; merluza en arrastre: 902 euros; 170 quilos) e o sargo (42.382 euros e 6.794 quilos), ademais da ameixa roxa (61.832 euros e 9.841 quilos) e o ourizo (48.654 euros e 17.840 quilos).

Arrastre: 75% do facturado

O 75% da facturación obtida en marzo estivo representando polo arrastre, reflectindo a importancia económica que ten esta flota para o porto de Riveira. Tamén efectuaron descargas no peirao de Santa Uxía (principalmente xarda e cabalón) varias embarcacións de arrastre con pavillón de Portugal e algunhas con base en portos da zona norte.

Hai que recordar que as embarcacións do cerco atópanse actualmente en caladoiros do norte á espera da comercialización do bocarte.

Problemas en Gabón

O senador e ex-alcalde socialista coruñés Javier Losada criticou a "nula resposta do Goberno de Rajoy" ao problema da flota pesqueira que opera en Gabón, toda vez que nunha resposta a unha pregunta escrita "é incapaz de definir e concretar medidas de apoio para o sector".

Polo visto, o Goberno de Madrid limitouse a sinalar que está realizando xestións a todos os niveis para conseguir que se retomen as negociacións, "pero non concreta que xestións nin cales son os obxetivos que marcan o punto de partida para afrontar unha negociación que resulte frutífera para o noso sector pesqueiro". Tampouco hai medidas para compensar, aliviar ou amortiguar o impacto das familias dos pescadores afectados polos problemas en Gabón, di o Psoe, que esixe unha "resposta inmediata e firme de apoio ás familias afectadas, maior compromiso e esforzo para retomar a negociación que posibilite unha solución áxil ao problema".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical