Antiga cadea en A Pobra do Caramiñal
O BNG ESÍXELLE AO GOBERNO QUE CUMPRA CO ACORDADO NO CONGRESO E REGULARICE A SITUACIÓN DOS NÚCLEOS COSTEIROS SINGULARES
Olaia Fernández Davila pide que o acordo ao que se chegou no Congreso sobre o núcleo de Marín, “consistente en que se volva a realizar un novo deslinde para que os afectados poidan presentar todas as alegacións e documentación necesaria”, se podería aplicar ao resto de núcleos costeiros afectados, entre eles A Pobra do Caramiñal e Ribeira.
Madrid, 19 febreiro 2010.- A parlamentaria do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, ven de presentar unha iniciativa na que lle esixe ao Goberno Central que cumpra coa solución acordada no Congreso para resolver a situación de inseguranza xurídica na que se atopan as vivendas situadas en núcleos singulares da costa galega, a menos de cen metros do litoral, e que non están recoñecidas como núcleos urbanos.
Davila lembraba que, no caso concreto de Marín, estas vivendas, “a pesar de estar construídas con anterioridade á Lei de Costas de 1988, non foron clasificadas como núcleo urbano no seu momento debido a erros administrativos na clasificación urbanística dada a estes núcleos nas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento Urbanístico do concello de Marín”. Isto ocasionou que estes núcleos singulares foran incluídos dentro da faixa de protección marítimo-terrestre, con importantes limitacións para os propietarios á hora de realizar reformas, rehabilitacións ou mesmo vender as súas vivendas.
Vista panorámica de Ribeira
Acordo do Congreso dos Deputados: iniciar un novo proceso de deslinde
Neste sentido, Olaia Fernández Davila lembra que a Comisión de Medio Ambiente do Congreso dos Deputados aprobou o pasado 30 de novembro unha proposición non de lei do BNG pola cal que se insta ao Goberno a “incoar un novo expediente de deslinde do tramo de costa que afecta aos núcleos de Marín no que se poidan aportar cantos informes, estudos e alegacións sexan precisos para que aos mencionados núcleos se lles poida aplicar, no seu caso, o réxime previsto no apartado 3 da disposición transitoria terceira da Lei 22/1988 de Costas , así como establecido no apartado 3 da disposición transitoria sétima e nos apartados 1 e 3 da disposición transitoria novena do Regulamento Xeral para o desenvolvemento e execución da devandita lei”.
En definitiva, unha vía que permitiría solucionar a situación de inseguridade xurídica deste núcleo reabrindo o proceso para corrixir os erros administrativos que impediron que no seu día foran clasificados polos concellos como núcleo urbano.
Posibilidade de aplicar esta solución aos outros núcleos de Galiza afectados
A este respecto, e ante as declaracións de responsábeis de Costas nas que advirten de que será moi difícil resolver a situación das casas situadas nos núcleos singulares do litoral non recoñecidos como urbanos, Olaia Fernández Davila pregúntalle ao Goberno polos pasos que deu e que prevé dar para cumprir coa iniciativa do BNG aprobada no Congreso dos Deputados.
Por último, a deputada do BNG pregunta se unha solución similar á acordada para o concello de Marín non se podería aplicar tamén a outras poboacións galegas afectadas polo mesmo problema en Redondela, Vilaboa, Ribeira, Gondomar, a Illa de Arousa, A Pobra do Caramiñal, Dumbría, Ponteceso ou Malpica.
Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario