10.2.11

Dodro: ademais da limpeza dos petróglifos, actuarase nunha mámoa e, máis tarde, no castro de Bexo


Imaxe do Castro de Bexo. Foto de Soledad Felloza. Vía Capítulo 0

Dodro, 10 de febreiro de 2011. A arqueóloga Beatriz Pereiras, que nestes intres está traballando na zona dos petróglifos de Bouza-Abadín, en Imo, avanzou a este xornal os novos proxectos que se van levar a cabo en vindeiras datas para conservar e divulgar o patrimonio pétreo de Dodro.

"Con respecto ás mámoas, xa temos o proxecto arqueolóxico da limpeza e acondicionamento das Mámoas da Mina de Balouta (en San Xián de Laíño) presentado e autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, proxecto que desenvolveremos a finais deste mes ou principios do mes de marzo (en canto rematemos cos petróglifos de Bouza Abadín). Esta actuación supón a limpeza (rozado) de dous túmulos megalíticos e do seu entorno inmediato, así como o seu acondicionamento por medio dun peche de madeira para cada mámoa e a instalación de sinais de dirección en diversos camiños que marquen a ruta a seguir para chegar ós xacementos, e sinais de identificación (co nome das mámoas) xunto ós túmulos. Para a realización desta actuación é preciso un control arqueolóxico (o cal terá lugar baixo a miña dirección) que evite incidencias negativas ou destrozos nos xacementos, ó mesmo tempo que unha labor de asesoramento na posta en valor dos mesmos", explicou Beatriz Pereiras Magariños.


No que respecta ó castro de Bexo, a intención do concello é, coma no caso dos petróglifos de Bouza Abadín e das Mámoas da Mina de Balouta, poñelo en valor por medio da limpeza de monte baixo e masa arbórea e acondicionamento (peche, sinalizacións, paneis explicativos, acondicionamento de camiños de acceso, etc.) do xacemento. "Debido a que esta intervención é de maior envergadura que as dúas anteriores, estase a tramitar actualmente a financiación da mesma, polo que estamos á espera do que se resolva ou acorde neste senso. Farase tamén por medio dun proxecto arqueolóxico que supoña o control do movemento de terras, o asesoramento na posta en valor do castro e o rexistro arqueolóxico correspondente (topografiado, fotografiado, debuxo arqueolóxico e demais", concretou a arqueóloga.

O Concello de Dodro tamén está a promover un traballo de recolla do patrimonio etnográfico municipal e de promoción do seu coñecemento por medio dunha presentación do ata agora inventariado "que terá lugar, esperamos, proximamente", concluíu.

Non se perdan a entrada sobre o Castro de Bexo en Capítulo 0, aquí

Relacionada:

petróglifo Bouza-Abadín en Imo Dodro sen inventariar
Limpeza de petróglifo: o sábado 12 de febreiro continúa en Imo


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical