18.2.11

Ribeira: o Psoe presenta unha moción de apoio á flota adicada á bacaladilla


Ribeira, 18 de febreiro de 2011. O grupo municipal socialista presentou unha moción, a tratar no vindeiro pleno, no que se pide explicitamente apoio para a flota que se adica á pesca da bacaladilla, que pode ser afectada de xeito letal se se cumpren as novas directivas da Unión Europea.

Moción íntegra:

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Ribeira, a través do seu Portavoz e ó abeiro do disposto nos artigos 91.4 e 97 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, presenta ante o Pleno da Corporación Municipal esta MOCIÓN, en base os motivos e consideracións seguintes:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A flota de arrastre de Ribeira, compóñena preto de 40 barcos que dan emprego directo a uns 500 traballadores; sendo o conxunto de postos de traballo, incluíndo os indirectos que dependen da actividade desta flota, arredor dos 3.000. Como é coñecido, no pasado mes de decembro, no Consello de Ministros da UE, adoptáronse acordos relativos aos TAC’s e cotas para o ano 2011 que, de seguir adiante, prexudicarían de xeito grave e irreversible ás empresas pesqueiras de arrastre da nosa cidade. O recorte en máis dun 93 % da cota de lirio (bacaladilla) para a zona onde traballa a nosa flota, pode supoñer a paralización desta importante actividade coa conseguinte perda de ingresos que afectarán de xeito moi importante a economía global do noso concello.
Coñecemos as inquedanzas da Sra. Ministra do Goberno de España sobre este importante problema. Mesmo na reunión có sector pesqueiro de Galicia celebrado en
Santiago o pasado día 19 de Xaneiro, dixo non estar disposta a admitir estas condicións
e corrixir esta situación o vindeiro día 24, na reunión do Consello de Ministros da UE. É por todo isto que o Grupo Municipal Socialista, formula a seguinte proposta de

MOCIÓN:

1. Mostrar o seu apoio incondicional á flota de arrastre do porto de Ribeira, recoñecendo que desenvolve unha actividade económica xeradora de centos de empregos na cidade, ante a decisión da Comisión Europea de reducir nun 93 % a cota de capturas de lirio. Consideramos que esta medida pode certamente provocar o amarre da flota de Ribeira ao non poder soportar os custes da actividade, baseada maiormente na pesca de bacaladilla.

2. Instar ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino (MMAMRM) a que renegocie á alza o TAC de lirio, ante a Comisión de Pesqueiras do Atlántico Nororiental (NEAFC), para adaptala a situación real do stock que, vistos os resultados da pesqueira no noso porto, non consideramos estea sobre-explotada de xeito que precise un recorte do 93 %.

3. Instar ao Goberno de España a que impulse un estudo actualizado a través do Instituto Español de Oceanografía, sobre a situación dos recursos pesqueiros nos caladoiros habituais da nosa flota, para coñecer a situación real desta e doutras especies de interese comercial.

4. Solicitar ao MMAMRM, a que propoña á Comisión Europea a que diferencie os stocks e os correspondentes TAC’s de bacaladilla, por zonas máis concretas. Non pode se-lo mesmo o estado das pesqueiras onde opera a flota dos países nórdicos ca a dos caladoiros litorais onde pesca a nosa flota.

5. Pedirlle ao MMAMRM, que argumente ante as autoridades comunitarias, a gran deferencia que existe entre os factorías arrastreiros do norte de Europa, dedicados a pesca de bacaladilla para o seu fileteado sen pel e sen espiñas (Skinned & bones less), cando non directamente para o converter en fariña para pensos animais, fronte o destino do lirio que pesca a nosa flota: enteiro e directamente para o consumo humano de familias con baixo poder adquisitivo.

6. Dar traslado deste acordo ao Goberno de España, para que actúe en consecuencia. Tamén á Xunta de Galicia para que estean informados do apoio do Concello de Ribeira ao seu sector pesqueiro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical