31.1.12

Ribeira: o festival de murgas e comparsas volve ó martes de Entroido, con 6.000 euros en premios

  • Prazo para inscribirse ata o luns 13 de febreiro
  • O desfile será o 21 de febreiro, data na que cae Martes de Entroido este ano
  • 6.000 euros en premios. O máis importante será o primeiro premio para a Murga de Adultos, que se levará 1.000 euros
Media_httpfarm6static_fjvae

Ribeira, 31 de xaneiro de 2012.-
O Festival de Murgas e Comparsas do Entroido ribeirense trae nesta edición dúas importantes novidades con respecto a celebracións anteriores. A primeira delas é que, tras máis dunha década na que este desfile pagano se desenvolvía os domingos de Entroido, a partires deste ano vai regresar á data na que tradicionalmente adoitaba celebrarse, que é o martes de Entroido, facéndoo coincidir co festivo local. Xa que logo, o próximo Festival de Murgas e Comparsas desenvolverase o día 21 de febreiro.  

A outra das importantes novidades deste ano reside en que tamén se recuperará a concesión de premios en metálico. Así, establécese unha contía total de 3.800 euros para as gratificacións e de 2.200 € para os premios, repartíndose segundo os criterios recollidas nas bases do concurso. 

Outro dato que hai que salientar é que pódense presentar ao festival entidades, agrupacións ou asociacións de calquera punto da Comunidade Autónoma galega, e non só dos municipios de Arousa Norte como ata agora. O período de inscrición expira o 13 de febreiro. 

Media_httpfarm6static_ueicd

En canto as bases do Festival, establecen o seguinte: 

MARTES 21 de febreiro de 2012 

1.- Establécense dúas categorías de participación: 

            - Infantil: ata 15 anos (incluídos).

            - Adulto: dende os 16 anos (incluídos). 

2.- As murgas e comparsas deberán estar formadas por un mínimo de 14 participantes, sen límite máximo. Na categoría infantil ademais deberá contar con 1 adulto (como máximo) por cada 2 nenos/as. 

3.- Deberán representar a unha asociación, entidade ou agrupación, establecendo o máximo permitido dunha murga ou comparsa por categoría, modalidade e asociación. 

    3.1.- Establécense as seguintes categorías e modalidades: 

      a) Murgas (persoas adultas): Máx. 15 agrupacións, das que doce serán do termo municipal e tres do resto de Galicia. De non cubrirse os máximos admitiranse todas as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos destas bases. 

         b) Murgas (infantil): Máx. 5 agrupacións. 

         c) Comparsas: Máx. 5 agrupacións. 

    Serán seleccionadas pola organización tendo en conta en primeiro lugar a antigüidade de participación neste evento e en segundo lugar a data e número de rexistro da súa inscrición no festival

4.- Para ambas as dúas categorías (infantil e adulta), as letras das MURGAS deberán ter unha extensión máxima de 1 canción, non superiores no seu conxunto a 60 versos, nin cunha duración total superior a 8 minutos (incluíndo música, posta en escena e coreografía). 

5.- O vestiario debe estar en consonancia con algún dos temas principais das letras das murgas ou un tema de actualidade ou interese xeral. 

6.- Poderase introducir elementos complementarios en relación coa interpretación dos temas e letras, sempre que non constitúan un risco nin perigo para a cidadanía ou motivo de ofensa á honra e dignidade das persoas, asumindo o representante de cada murga ou comparsa a responsabilidade ante reclamacións de terceiros que puideran xurdir en canto ás letras, músicas, vestiarios e outros.  

7.- Establécese como data límite de inscrición e de presentación das letras o LUNS 13 de febreiro do presente ano, antes das 13:30 h, no Rexistro Xeral do Concello ou no Auditorio Municipal. Entenderase que a non presentación dará lugar á non participación no Festival de Murgas. 

7.1- Xunto coa solicitude de participación, achegarase letra/s da murga debendo ademais presentalas en soporte dixital xunto ao logo identificativo da agrupación (cd, pendrive, email...), relación dos integrantes do grupo (murga ou comparsa), co nome e apelidos de cada participante, así como o nome da Murga ou Comparsa. No caso de non tratarse dunha entidade deberán presentar fotocopia de DNI de todos os integrantes da Murga ou Comparsa e aplicaráselle o IRPF correspondente á gratificación e/ou premio que corresponda. Tamén haberá que nomear un representante de cada grupo ante o Concello, que deberá entregar fotocopia do DNI e datos fiscais (CIF da entidade) para o pago da gratificación/premio correspondente e no caso das murgas da categoría adulta un representante que será membro do Xurado do Festival.  

8.- As murgas participantes comprométense a tomar parte no desfile previo á celebración do festival no lugar e hora que a organización estableza, así como a animar o pasarrúas.  

9.- O Festival celebrarase da seguinte maneira: subirán ao escenario as comparsas participantes para lucir a súa vestimenta –a súa actuación non excederá de 3 minutos-, actuarán a continuación as Murgas da categoría Infantil, e ao rematar estas, as da categoría de persoas Adultas. Todas elas por orde alfabética.  


Media_httpfarm6static_zeegi

10.- Establécese a contía total de 3.800 € para as gratificacións e 2.200 € para os premios, segundo o seguinte sistema de reparto para as distintas categorías e/ou modalidades: 

    10.1.- Gratificacións por participación:  

          a) POR  CATEGORÍA/MODALIDADE: Máx. 200 € para cada Murga (infantil ou adulta)

                 Máx. 200 € para cada Comparsa

    b) POR AMBAS DÚAS CATEGORÍAS:  

    No caso de que algunha asociación estea representada nas dúas categorías/modalidades a gratificación será en conxunto por importe máximo de 300 €  (os membros de cada unha das murgas (infantil/adulta) ou comparsas deberán ser diferentes entre si e acadar os mínimos requiridos).

    Nota: No caso de que as gratificacións aos grupos participantes excedan a contía total destinada aos mesmos o reparto será proporcional entre todas elas ata o límite establecido. Ás gratificacións aplicaráselle a retención fiscal que corresponda segundo a lei.

    10.2.- As murgas, na categoría de Adultos, optarán os seguintes Premios

    -          Primeiro Premio: 1.000,00 €

    -          Segundo Premio:  500,00 €

    -          Terceiro Premio:  350,00 € 

    -          Especial Premio Local: 350,00 €.

          (No caso de que ningunha murga adulta do municipio de Riveira acadase un dos tres premios

           establecidos, este galardón entregaráselle á agrupación local que obtivese a maior puntuación).

    10.3.- As murgas premiadas quedarán excluídas das gratificacións e as murgas infantís e comparsas, non optarán a ningún premio. 

11.- Para establecer os premios, existirá un Xurado que estará composto por seis membros: cinco profesionais (un por cada categoría a valorar: Letra, Música, Vestiario, Maquillaxe, e Posta en escena) e pola Concelleira de Cultura e Festexos –ou quen designe- que ostentará a presidencia do mesmo. Cada membro contará con voto -1, 3 e 5-. A secretaría do xurado recaerá nun representante da Área de Cultura, con voz pero sen voto. A votación será inmediata ao remate de cada unha das actuacións. A decisión do Xurado será inapelable. En caso de empate priorizarase o criterio do xurado xa que os premios son individuais e indivisibles. 


Media_httpfarm6static_detys

12.- Ao remate do festival farase entrega a cada murga e/ou comparsa dun diploma acreditativo da gratificación, así como do premio obtido aos galardoados, que serán canxeables polo importe sinalado nos mesmos e recollido nestas bases, e faranse efectivos mediante transferencia bancaria nos Servizos Económicos do Concello nos días posteriores ao festival. A non presenza do representante designado por cada murga ou comparsa, no momento da entrega dos diplomas e galardóns e durante todo o Festival, considerarase motivo de renuncia á gratificación e/ou premio correspondentes, que inmediatamente pasarán a disposición da organización. 


Media_httpfarm6static_hwbnx

13.- Todas as murgas e comparsas participantes deberán aceptar estes criterios no momento da súa inscrición no festival; a organización será competente para resolver calquera dúbida xurdida das presentes bases.  
 

Máis información: 

AUDITORIO MUNICIPAL

Praza dos Mariñeiros -RIVEIRA

Teléfono 981.83.56.50 – Fax 981 873209

Correo electrónico: culturaefestexos@riveira.com

www.riveira.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical