- Contarán coas asociacións para elaborar o programa de actos e intentarán acometer algún récord Guinness
Ribeira, 20 de marzo de 2012.- O vindeiro mes de xuño vai ser erixido a partir deste ano 2012 en Mes da Cultura de Ribeira. Así foi decidido durante a reunión do Órgano de Goberno desenvolvida hoxe, de cuxos principais asuntos dou conta a voceira Herminia Pouso Maneiro.
Con esta iniciativa, o Executivo presidido por Ruiz Rivas pretende que as rúas e as distintas instalacións culturais radicadas no municipio sirvan de escaparate das moitas potencialidades artísticas que Ribeira posúe, a través da confección dunha completa programación na que teñan oco todo tipo de disciplinas: dende a pintura ata o baile, dende a música á arquitectura, pasando pola escultura, a literatura ou o gravado.
Para isto, e segundo destacou Herminia Pouso, vai resultar fundamental contar coa colaboración das asociacións con fins culturais radicadas no municipio. Neste sentido, a voceira municipal manifestou que o Concello está aberto a través da súa Delegación de Cultura a recibir todas as suxestións e achegas que poidan aportar os moitos colectivos interesados e poder consolidar así o mes de xuño nunha gran festa cultural nunha época coincidente cos primeiros síntomas de afluencia turística de verán.
Día da Mancomunidade
Herminia Pouso avanzou que un dos eventos cos que xa se está a traballar de cara á programación do Mes da Cultura 2012 é o Día da Mancomunidade, que terá lugar a mediados de xuño no municipio ribeirense (cabe lembrar que esta iniciativa ten carácter rotatorio, de tal xeito que en vindeiros anos a efeméride celebrarase noutros concellos de Arousa Norte).
Busca do Guinness (o dos récords, non a cervexa)
Asemade, a edil anticipou que un dos retos que se pretende acometer durante este mes é o de superar algún tipo de récord Guinness relacionado co eido cultural para que esta acción sirva de reclamo para captar a interese do exterior.
Día da Árbore, o venres 23
Imaxe do ano pasado do Día da Árbore
Outro dos asuntos explicados por Pouso Maneiro é a celebración este venres 23 da tradicional Día da Árbore, na que participarán alumnos dos colexios Galaxia, Bayón, Sagrado Corazón de Castiñeiras, A Milagrosa de Oleiros e CEIP Frións, así como usuarios de Ámbar.
Os actos da Día da Árbore terán lugar no parque natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán. Está prevista a chegada dos escolares participantes ao CIELGA ás 11 horas, e acto seguido tomarán parte activa nunha xornada didáctica composta por unha plantación de árbores, unha charla sobre o parque natural e as súas especies, e actividades con monitores e xogos de natureza.
Por outra parte, e enmarcada tamén dentro da programación do Día da Árbore, o sábado 24 alumnos da gardería Barbanziños da Hospital Comarcal farán unha nova plantación no parque periurbano de San Roque.
Semáforos definitivos
Tamén anunciou Pouso Maneiro a saída a licitación de semáforos definitivos para a avenida do Malecón. Esta actuación ten un orzamento de 80.800 euros e adscríbese ao proxecto Ribeira Atlántica dentro do apartado de mobilidade.
Substituiranse os semáforos existentes e engadiranse a maiores puntos de semáforo no paso de peóns máis cercano á praza da Concordia, así como no carril interior situado fronte ás instalacións de Capitanía Marítima.
Avenida de Ferrol
Por último, avanzou que o acondicionamento da zona verde da avenida de Ferrol está prácticamente ultimada, a falta da instalación do rego e outros pequenos detalles.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario