20.3.12

Noia: o alcalde vaise dun acto do conselleiro de Infraestruturas "pola súa falla de educación"

  • A Xunta emprega o servizo de prensa do conselleiro para botarlle a culpa do retraso da variante aínda ao Bipartito (que gobernou por última vez en 2009, hai tres anos) nun acto no que, en teoría, víñanse a presentar os colectores de saneamento
  • Non se deu nin chío do que está a pasar co castro de Taramancos, un xacemento de primeira magnitude que está totalmente silenciado e por enriba do cal pasará un viaduto da variante
  • A variante tiña que estar rematada en xullo deste ano, segundo os pronósticos da mesma Xunta que a licitou. Agora o conselleiro Hernández fala de 2013 e sen concretar sequera o mes. A obra está a realizala Puentes y Calzadas, unha empresa para a que traballou este conselleiro do goberno de Núñez Feijóo dende setembro de 2006 ata marzo de 2008, segundo datos do Rexistro Mercantil

Noia, 20 de marzo de 2012.- Novo choque entre administradores por causa das obras en Noia. Desta volta, entre o administrador da consellería de Infraestruturas, Agustín Hernández (PP), e o administrador do Concello de Noia, Rafael García Guerrero (PSOE). Ante os ataques á xestión do bipartito na Xunta, que deixou de gobernar hai tres anos (cumpríronse neste mes de marzo), o rexedor noiés foise do acto de presentación, como explicou nun twitt "pola falla de educación do conselleiro Agustín Hernández". Aínda que ao primeiro se deron a man e todo, como se visualiza na imaxe, o alcalde, en declaracións a este xornal, explicou que "ante o uso partidista dun acto institucional e ante o mínimo respecto e consideración entre administracións houben de abandonar o acto. Á miña persoa poden faltarlle ao respecto, pero non podo consentir o máis mínimo desprezo á institución que represento por parte de quen confunde as institucións coa súa eira privada".

Variante de Noia: moito respeto aos moluscos e pouco ao patrimonio

Segundo a nota da Xunta, "a execución dos tres viadutos da Variante de Noia, e que supoñen un 88% da infraestrutura, avanzan a bo ritmo. Sobre o viaduto que cruza a ría dende o Porto do Testal ata A Barquiña, o o de maior envergadura, manifestou que se iniciaron os traballos de cimentación e que se están a executar os pilotes.

As obras avanzan co ritmo normal e apropiado a este tipo de construcións, sen deixar de lado as medidas de control ambiental necesarias e programadas. Recordou que dende o inicio das obras se manteñen controis (a través de postes oceanográficos e turbidímetros) na ría, sen que se detectara ningún dato negativo de cara ao cultivo de moluscos. A Xunta mantén contactos coa Confraría de Pescadores de Noia e coa Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños; e autorizouse un convenio de colaboración para compensar a afección aos recursos marisqueiros". Nembargantes, Hernández non aludiu en ningún momento ao que vai suceder co xacemento do castro de Taramancos, que é atravesado polo viaduto da variante e cuxos restos a un e outro lado da nova vía son numerosos. As escavacións paralizáronse e o Concello de Noia -así como todos os galegos aos que se nos deben explicacións pois un castro é patrimonio de todos- segue sen recibir unha memoria sobre o que alí se atopou, quen o atopou e onde pensan conservalo.

Unha variante que fai unha empresa "amiga"

A Xunta de Galicia adxudicou as obras da Variante de Noia por un importe de máis de 38 millóns de euros (38.254.451) á empresa Puentes y Calzadas Infraestruturas, S.L.U. Segundo explicou no seu día o xornal El País, Agustín Hernández, actual conselleiro de Infraestruturas, traballou para esta empresa que está a facer a variante de Noia. Para que non se producisen estas fichaxes escandalosas e faltas de toda ética de cargos públicos por parte de empresas privadas, tivo que ser o Bipartito que tanto denosta agora Agustín Hernández, o que sacase un decreto que impedise que antes de 24 meses -igual que a lei estatal- se producisen estes contratos que evidencian -e segue a suceder en todos os partidos políticos- pagos de favores entre empresas concesionarias e administradores dos cartos públicos.

Dobre raseiro de Patrimonio

Como ben se explica no blog "Que pasa en Noia", namentres Patrimonio anda desaparecido no que respecta aos achádegos de Taramancos, buleu rápido para parar a obra dos colectores que presentou esta mañá o conselleiro, pois hai no proxecto unhas tubaxes de cores que afearían a ponte de San Lázaro e a de Noia.

Solución ao tráfico, disque

Namentres a Xunta de Galicia se farta de vender que "esta vía suporá eludir o paso polo núcleo de Noia, onde existe unha elevada intensidade de tráfico e circulación de vehículos pesados. A posta en servizo deste tramo mellorará as comunicacións do eixo Santiago-Brión-Noia e, polo tanto, a poboación directamente beneficiada por esta infraestrutura é de máis de 40.000 persoas, que actualmente viven na comarca", veciñanza e técnicos non relacionados con partido político algún dubidan desta solución aos atascos que se producen sobre todo nas fins de semana do verán. Todo dependerá das canles de evacuación de vehículos en forma de rotondas que finalmente se constrúan e a ubicación destas, para que non se produzan colos de botella.

Datos da obra dos colectores

As obras da primeira fase dos colectores de Noia contan cun orzamento de máis de 4,4 millóns de euros e que leva a cabo a UTE Movex Vial, S.L. & Abeconsa S.L.U. As actuacións teñen un prazo de execución de 36 meses. Na actualidade xa se ten certificado un 23%.

A actuación pretende dar unha solución aos problemas que existen en época de chuvia, posto que a rede de sumidoiros existente é unitaria nun 95 por cento, só o Casco Histórico conta con rede separativa. Esta rede de colectores presenta graves deficiencias, como pozos de rexistro con infiltracións; treitos en contrapendente; bombeos inutilizados; colectores por praias ou marxes da ría e algún vertido directo do efluente da EDAR á costa sen condución de vertido.

Concretamente, as actuacións constan das seguintes infraestruturas:

 
COLECTORES RESIDUAIS
COLECTOR SEPARATIVO DE PLUVIAIS
Colector interceptor norte
Colector interceptor sur
2 colectores (423 m.)
10 colectores (2.888 m.)

1.656 m. de tubaxe en 17 treitos

1 bombeo para 41 m3/h.
5 bombeos

453 m. tubaxe impulsión

1.108 m. tubaxe impulsión

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical