4.8.11

A Pobra: van licitar a xestión da depuradora da Pobra ata 2013 por case dous millóns de euros

  • A depuradora tratou máis de 2 millóns de metros cúbicos de augas residuais e 3.500 toneladas de lodos durante o ano 2010
  • A infraestrutura hidráulica beneficia unha poboación de preto de 10.000 veciños do concello  
  • O Goberno galego leva investido na xestión da depuradora, dende o ano 2005, máis de 5,7 millóns de euros e, inda así, cada pouco hai verteduras no Río Morto ou no mar sobre as que o concello fai a vista gorda
Media_httpfarm2static_ndybi

A Pobra do Caramiñal, 4 de agosto de 2011. O Consello da Xunta aprobou hoxe o acordo polo que a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investirá 1,8 millóns de euros na nova licitación do contrato de xestión da depuradora da Pobra do Caramiñal, situada na parroquia do Xobre. O orzamento será executado en tres anualidades, ata o 2013.
A Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da Pobra do Caramiñal, que ten unha capacidade para abastecer 30.000 habitantes, comezou a súa explotación no ano 2002. O sistema pode depurar un máximo de 600 metros cúbicos de auga por hora e funciona mediante un tratamento biolóxico, con aireación e nitrificación controlada. Durante o ano 2010, a EDAR chegou a depurar 2 millóns de m³ de auga e a tratar 3.500 toneladas de lodos, ademais de 150 toneladas de residuos graúdos e graxas.
O contrato de xestión da depuradora implicará o cumprimento dunha serie de obrigas por parte do adxudicatario: o mantemento das instalacións de forma ininterrompida para o seu correcto funcionamento, o tratamento dos lodos e graxas así como a supervisión dos parámetros das liñas de auga e lodos. Para isto, será preciso aplicar a liña de actuacións estipulada no Plan de Mantemento e Conservación da EDAR.

Ademais, dentro do contrato, compréndese a obriga de comunicar á Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH) a posible presenza de substancias ou materias perturbadoras nos procesos de tratamento. O primeiro contrato de explotación asinouse no ano 2005 e tivo un período de duración de 1,5 anos, que foi prorrogado ata os 18 meses. O segundo contrato tivo unha vixencia de 12 meses e foi prorrogado por 27 meses, ata este ano. O novo contrato rematará o vindeiro 2013, coa posibilidade de incluír novas prórrogas. O Goberno galego leva investidos máis de 5,7 millóns de euros na xestión desta depuradora.

Antes, en Certo:
A depuradora funciona mal

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical