4.8.11

Boiro: o conselleiro de Cultura visitou os castros de Neixón

  • Roberto Varela asegura que a declaración como Ben de Interese Cultural deste xacemento "culmina o traballo dos últimos 15 anos" e soltou obviedades como que estes castros son "un gran polo de atracción na oferta de turismo da comarca".
  • A consellería de Cultura non fai nada por divulgar estes castros e os seus achados dun xeito adecuado
Media_httpfarm7static_yrxtw

Nos castros de Neixón semella que chove sobre mollado

Boiro, 4 de agosto de 2011.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, visitou esta tarde os castros de Neixón e o Centro Arqueolóxico do Barbanza. O conselleiro sinalou que a recente declaración como Ben de Interese Cultural dos castros de Neixón "culmina, en certo modo, o labor de recuperación e posta en valor -expresión que non se farta de repetir, como tantos outros políticos de todos os signos- que se ten feito nos últimos quince anos, un empeño no que a Xunta de Galicia contou coa inestimable colaboración do Concello de Boiro". O acto contou asemade coa participación do alcalde de Boiro, Juan José Dieste.

O titular de Cultura salientou na súa visita "o continuo esforzo que a Consellería de Cultura e Turismo está a facer pola conservación, difusión e posta en valor do noso patrimonio arqueolóxico, onde os Castros de Neixón ocupan un lugar moi destacado". Segundo informou -di a esaxerada nota da Xunta- Roberto Varela, estes xacementos castrexos "supoñen un gran polo de atracción na oferta de turismo cultural da rexión" xa que "compoñen un fermoso conxunto costeiro nun emprazamento que é posible que teña sido habitado polos nosos devanceiros dende hai máis de 5.000 anos". O conselleiro de Cultura e Turismo lembrou a súa visita o pasado luns ao Monte do Facho en Cangas e asegurou que "a mellor proba do noso compromiso coa protección do patrimonio arqueolóxico é o feito de que nas últimas semanas teñamos avanzado para a declaración como BIC destes dous xacementos, así como doutros castros sobranceiros como os de Baroña, Borneiro ou Saceda".

Media_httpfarm7static_jtjea

Urxencia aos arqueólogos para que devolvan pezas

Roberto Varela salientou asemade a importancia do papel do Centro Arqueolóxico do Barbanza así como "diversas campañas de escavación, consolidación e divulgación". O responsable de Cultura apuntou que desde a Xunta de Galicia estase a traballar para que o Centro "sexa recoñecido como colección visitable" para o que "estamos a urxir aos arqueólogos para que depositen os fondos de campañas anteriores no Centro". Deste xeito, o conselleiro informou que "xa foron entregadas as pezas da primeira das campañas arqueolóxicas".

Media_httpfarm7static_bacey

O que non sabe Roberto Varela

Do que non falou Roberto Varela, porque pode que o descoñeza, é da primeira longametraxe documental da arqueoloxía galega, Neixón: Historia viva dun castro, de Lukas Santiago, e do urxente que sería que se proxectase no Centro Arqueolóxico de Barbanza ou en calquera outro lugar do Concello de Boiro, onde o tiñan vetado, alomenos ata o de agora, os do bipartito, coa anuencia e complicidade do arqueólogo do CAB. Ignoramos se o conservador Dieste continuará coa nefasta política cultural dos seus predecesores no goberno de Boiro.

Tamén sería axeitado, para que esa expresión tan sobada que emprega Roberto Varela de "posta en valor" significase algo, que a consellería que dirixe fixera un mínimo esforzo por divulgar os achados e publicacións científicas das últimas campañas, algo que polo de agora só fan os esforzados arqueólogos que alí estiveron ata 2008 en charlas por España adiante e polo estranxeiro, e no blog Arqueoneixón. Será por webs para darlle bombo na Consellería de Cultura! Ou por espazos físicos: poden proxectar o documental sobre estes castros e facer unhas conferencias -con comida castrexa ao final se se poñen estupendos- na Cidade da Cultura un día deses en que non se lle ocorra nada na improvisada axenda cultural dese gran burato a ceo aberto no que converteron o monte Gaiás.

Relacionadas:


Arqueoloxía: os castros de Neixón, declarados BIC


Castros de Neixón: charla en vídeo de Xurxo Ayán


Chafalladas: cambio de carteis en Neixón

Pode que lle interese:


Romaría de Neixón: é o domingo 14 de agosto

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

1 comentario:

Paco do Martelo dijo...

Puido aproveitalo día «total como estivo a chover non ía facer nada» e de volta pasar polo de Baroña para comprobar in situ como ao seu carón hai máis campistas que no cámping legal da zona e o que é peor, pegadas de quads, merda humana por tódalas partes «sinto non ser moi fino» e fogueiras a todo tren.

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical