Barbanza-Noia, 10 de novembro de 2010. A Consellería de Economía e Industria acaba de poñer en marcha unha nova iniciativa de dinamización do pequeno comercio a través da campaña “Escolle o teu praceiro”, que se desenvolverá entre os meses de novembro e decembro en 92 prazas de abastos de toda Galicia, e para o que a Consellería realizará un investimento total de 110.000 euros. O obxectivo desta iniciativa é impulsar e visualizar o noso consumo nos mercados municipais galegos, así como potenciar a figura profesional dos praceiros, tal e como sinalou a directora xeral de Comercio, Nava Castro Domínguez, durante o acto de presentación desenvolvido esta mañá. “Estes mercados supoñen a mellor oferta de produtos frescos de alimentación, especialmente galegos, dunha calidade altísima, e que garanten ademais un servizo profesional e personalizado”, explicou Nava Castro. “Querémoslle transmitir a todos os galegos que mercar nas prazas de abastos é unha garantía de calidade tanto no tocante aos produtos como no que se refire ao trato por parte dos profesionais encargados dos postos. E a isto engadímoslle que as compras que se fagan durante estes meses tamén poden ter premio”, indicou a directora xeral de Comercio.
Cheques desconto e profesional mellor valorado
Nesta campaña, ademais de sortear cheques de desconto de ata 75 euros entre os consumidores, a Consellería pretende recoñecer a figura dos praceiros, a través da posta en marcha dunha votación do profesional mellor valorado, para o que será necesario a colaboración dos clientes. En cada un dos mercados municipais participantes o procedemento será o mesmo: cada praceiro entregaralle un cupón por compra aos seus clientes para que poidan participar na campaña e no que, ademais dos seus datos, deberá quedar reflectido o seu voto ao mellor praceiro. Cada 15 días realizarase un sorteo en cada un dos mercados onde resultarán premiadas tres participacións con bonos de desconto de 25, 50 e 75 euros, que se poderán utilizar no propio mercado. Nestes sorteos determinarase tamén o praceiro preferido polos consumidores de cada mercado. Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario