A Pobra, 10 de xullo de 2011. A oposición en varios concellos da nosa bisbarra (acabamos de publicar algo similar en Rianxo) quéixase da falta de limpeza nalgúns areais, agora que é a época na que se frecuentan máis, por propios e foráneos. A primeira moción desta nova lexislatura, por parte dos socialistas pobrenses, versa sobre este problema que é raro que non se dea cada verán nesta parte da Ría de Arousa, ben sexa por desleixo dos concellos ou por temporais a destempo.
Texto completo da moción:
A nosa vila está situada nun enclave privilexiado da ría de Arousa, con fermosas praias que serven na época estival como soporte para o ocio dos nosos veciños e para as numerosas persoas que nos visitan.
Nos meses de verán, o pulo do turismo ten un efecto balsámico para o comercio da nosa vila, que é preciso coidar especialmente nesta época de crise económica, e correspóndenos a todos manter as nosas praias e o conxunto da nosa vila en perfectas condicións, nomeadamente e en situación preferente como garante ao Concello.
Como de costume, a Deputación Provincial da Coruña concedeu ao Concello unha subvención para a limpeza das praias da nosa localidade, con cuxos fondos se contratou, previo concurso de méritos, a persoal a media xornada para acometer as tarefas de limpeza dos areais.
Porén a praia da Corna, pese á súa importancia e valor natural e paisaxístico, xa que se trata dunha das praias menos antropizadas desta banda da ría de Arousa, é unha vez máis a grande esquecida das accións de limpeza, circunstancia que anoada á maior afluencia de xente propia desta época e á falta de vixilancia, provoca que se acumulen notorias cantidades de lixo sobre a area e os accesos, máis aló dos habituais que se depositan pola acción do mar e do vento.
As subvencións que concede a Deputación para a limpeza das praias teñen un obxectivo claro, cal é reforzar as labores de limpeza que se desenvolven dende o Concello de cara a mellorar a imaxe turística das nosas praias e a paliar os efectos do aumento de visitantes, que inciden no valor ecolóxico e no mantemento de condicións de hixiene e salubridade esixibles nas praias abertas ao baño.
A contratación de persoal opera como un medio para ese fin, resultando a dilixente dirección dos equipos de persoal e a asignación dos lugares e quendas de traballo a ferramenta política do Concello para obter uns resultados óptimos en termos de eficacia e de eficiencia, a fin de evitar incorrer en causas de reintegro da subvención consonte o art. 33.1.b da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia -e concordantes-; e sobre todo, para tentar que o noso Concello manteña unhas condicións axeitadas que favorezan que os que nos visiten, repitan nos próximos anos.
Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes
ACORDOS
1.- Que se proceda á limpeza inmediata do lixo acumulado na praia da Corna, tanto no seu areal como nos seus accesos e nas súas inmediacións.
2.- Que se adopten as medidas oportunas que eviten a acumulación de lixo no futuro, especialmente no verán.
3.- Que se realicen labores de vixilancia periódica a fin de verificar que o areal se atope en perfecto estado, así como para disuadir aos autores das condutas incívicas que ensucian a praia da Corna.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario