1.2.11

Lousame: os comuneiros de Camboño abordarán o problema da praga do piñeiro na súa vindeira asemblea do 19 de febreiro

Lousame, 1 de febreiro de 2011. A praga do piñeiro (nemátodo dos piñeiros) que está a afectar a varios concellos de Pontevedra comeza a preocupar nestas bisbarras. Na vindeira asemblea dos comuneiros de Camboño é un dos puntos do día a debater e procurarán informar sobre as medidas a tomar para evitalo.

A asemblea dos comuneiros Barbanza de Camboño é ás nove da mañá do vindeiro sábado 19 de febreiro. Se non van comuneiros abondo, a segunda convocatoria é pola tarde, ás sete e media, sempre no local social de Camboño.

A orde do día é a que segue:

1. Lectura e aprobación, se é o caso, da acta da Asemblea Anterior.

2. Aprobación se procede Balance de contas exercicio 2010.

3. Dar conta dos acordos tomados pola Xunta Reitora, e ratificación se procede.

4. Medidas a tomar contra a praga do piñeiro.

5. Dar conta das xestións e actuacións dadas en defensa da titularidade do Monte e seguintes pasos a dar.

6. Renovación se procede Convenio Gandeiros.

7. Permuta de terreo.

8. Altas e Baixas.

9. Outros asuntos de interese xeral.

10. Preguntas e propostas.

Dada a importancia dos temas a tratar, pregan asistencia e puntualidade.

Xunta de Galicia: uns 7 millóns de euros para erradicar a praga do piñeiro

A completa erradicación do brote do nematodo do piñeiro detectado nun exemplar situado no concello pontevedrés das Neves, así coma os labores de control e contención do mesmo vai supoñer para a Administración Autonómica un custe que “non vai ser menor de sete millóns de euros”, segundo a estimación feita esta mañá polo conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, antes da reunión do Consello Forestal de Galicia convocada para tratar este asunto.

O titular de Medio Rural fixo estes cálculos tendo en conta a “reparación das zonas nas que haxa que actuar, coa limpeza de restos de corta e as medidas profilácticas que hai que tomar”. Juárez advertiu que “hai unha repercusión económica clara e a Xunta o que está tratando, xunto co sector, é que sexa a menor posible para o sector, asumindo a Administración a parte que lle corresponde dun xeito equitativo”.

En relación coas posibles perdas económicas que poida causar este brote, o conselleiro advertiu que “nestes momentos tanto as autoridades sanitarias galegas como as nacionais e comunitarias coinciden en que, dadas as características do brote e tendo en conta a época do ano na que estamos, é posible valorizar o produto que existe na zona”.

De feito, engadiu, “desde hai xa semanas estanse concedendo permisos de corta, os propietarios están vendendo a madeira e aquela que non se corte polos particulares na zona de 1,5 quilómetros arredor do foco vai ser obxecto dunha poxa pública que xa se está preparando; vai haber, pois, unha valorización do produto e as perdas vanse reducir de xeito notable”.

Caída á metade dos prezos?

Preguntado sobre a presunta baixada de ata un 50% dos prezos da madeira na zona afectada, Juárez dixo que a Xunta non ten, neste momento, “ningún dato fiable ao respecto”, para advertir a continuación que se están facendo ventas do produto por parte dos propietarios que así o decidiron e a industria nega estas baixadas.

O conselleiro quixo sinalar que “a cuestión dos prezos hai que tomala con moita precaución e nestes momentos cremos que o sistema que se adoptou é o máis equitativo para os propietarios, porque permite que eles fagan a erradicación pola súa conta e que a mesma se faga en tempo”. Doutra banda, o titular de Medio Rural insistiu na necesidade de limpar a zona “antes de que cheguen as temperaturas máis altas, sendo importante que o labor se faga dun xeito transparente, que permita a todos non ter ningunha dúbida de que o procedemento é o mellor posible”.
Samuel Juárez explicou que esta xuntanza do Consello Forestal de Galicia tivo como finalidade expoñer, por parte dos responsables da Xunta, as medidas tomadas desde o descubrimento do brote, as actuacións adoptadas ao longo dos últimos meses e as perspectivas neste momento.

Piden colaboración ao sector
O conselleiro da Xunta foi claro ao respecto: “Imos pedir a todo o sector a súa colaboración para conseguir este obxectivo e tratar entre todos que as cuestións e dúbidas que haxa se poidan ir delimitando e acordando co sector nun espírito de colaboración”.  Lembrou que está a piques de ser publicado no DOG un Decreto no que se declaran de utilidade pública as medidas de control deste brote e se definen todas as medidas que se van levar a cabo na zona.

Dixo ademais que a erradicación do foco xa se levou a cabo inmediatamente, no mes de novembro. Destruída totalmente a árbore infectada e as circundantes, neste intre están en marcha os traballos de corta por parte dos particulares e ampliouse de novo o prazo (ata o vindeiro 4 de febreiro) para a solicitude dos preceptivos permisos.

   Postura de Adega: máis prevención

Diante da propagación da praga do nematodo que está a afectar ás masas forestais de piñeiros do sur do país e as medidas de erradicación anunciadas pola por Medio Rural, ADEGA insta á Xunta a tomar medidas de carácter preventivo que eviten a proliferación desta doenza tanto a curto como a longo prazo. "Nos últimos anos vimos asistindo ao impacto de pragas novas en Galicia como este nematodo dos piñeiros ou o fungo dos ameneiros, alén das que xa evan con nós uns anos, como o gorgullo do eucalipto, ou xa endémicas (tinta do castiñeiro, pulguiña do carballo). Parece evidenciarse unha relación entre a extensión destes andazos e a globalización do mercado forestal, e entre a virulencia crecente dos episodios e o cambio climático. Diante destes desafíos, a Xunta non está a dar a talla, propoñendo cortas e fumigacións masivas mentres segue cunha política forestal miope, curtopracista, e orientada ao monocultivo de pirófitas, agora para usos enerxéticos", explica a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia.

A día de hoxe, aseguran no seu web, "non existen medidas que consigan controlar o nematodo do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus), unha vez detectado nas árbores, e ao tratarse dunha doenza de corentena, en cumprimento da normativa, está establecido a corta das árbores afectadas e o seu radio de acción. ADEGA é consciente dos danos que esta praga supón para as masas forestais de piñeiros e para os propietarios destas desde que chegou a Galicia através de Portugal (onde chegou en 1999 procedente de Norteamérica), e cuxo seguimento foi feito pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro (Pontevedra)".

ADEGA considera que desde a Consellaría de Medio Rural "non se están a desenvolver todas as medidas e accións necesarias para frear a súa proliferación no presente e no futuro. Fronte a esta doenza, ADEGA propón tomar medidas preventivas de carácter integral para o noso monte, diversificando os seus produtos e servizos, apostando por medias ecosistémicas e polas especies frondosas autóctonas. O monocultivo de especies no que se basea a actual política forestal da Xunta, favorece a chegada de pragas e enfermidades, reduce a biodiversidade natural e hipoteca o futuro económico do noso rural. Dado que o noso monte ten que ser pensado en clave de futuro para as xeracións futuras, estas son medidas a medio e longo prazo, que deberían de estar xa postas en marcha".

ADEGA reclama ademais ao goberno galego que realice un importante esforzo para sensibilizar, informar e formar aos propietarios afectados e a toda a sociedade sobre estas pragas e enfermidades, facilitando así o establecemento e a aplicación de medidas preventivas que eviten a expansión da doenza e o declive progresivo do noso monte.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical