9.4.12

Ribeira: programación de "Abril, mes dos libros"

  •  Haberá un contacontos, tres charlas literarias e unha xornada que mistura títeres e hip-hop

 

Ribeira, 9 de abril de 2012.- O Concello presentou hoxe o seu mes máis literario cunha programación de actividades de promoción e divulgación do libro que fai un ano máis un especial fincapé na lingua galega e os autores que a cultivan. Para pormenorizar o programa do Abril Mes dos Libros, déronse cita no Auditorio Municipal as concelleiras de Cultura e Educación (Elvira Pisos e María do Carme Vizcaya), a encargada do Concello do servizo de normalización lingüística, Alicia Padín; e o arquiveiro municipal, José Antonio Otero.

 

Así, o propio 23 de abril, Día Internacional do Libro, terá lugar no Auditorio unha actuación de A Tropa do Trapo que, baixo o título de “A viaxe das palabras”, está dirixida ao alumnado de 2º e 3º ciclo de Educación Primaria do municipio. Está previsto que os alumnos dos colexios Galaxia, Frións, Sagrado Corazón de Castiñeiras, Bayón e A Milagrosa de Oleiros cubran as 279 prazas existentes no salón de actos da instalación municipal, durante esta actuación de contaconcos que terá lugar ás 10.30 horas.

 

A Viaxe das Palabras é a historia dunha nena, Lucía, que descobre unha maleta vella do seu avó, a quen non chegou a coñecer. Os seus pais non lle deixan ver o que hai dentro, pero unha noite Lucía decide averiguar que segredos se gardan no seu interior.

 

Xoves Literarios

Outro apartado do Abril Mes dos Libros verá conformado polos Xoves Literarios. Grazas ao programa de animación á Lectura “Letras Vivas” da Xunta de Galicia, o Concello é quen de albergar esta iniciativa formada por un conxunto de conferencias dirixidas a acrecentar o contacto dos riveirenses coa literatura. Concretamente, estes Xoves Literarios, cuxa entrada é de balde, terán lugar os días 12, 19 e 26 de abril, a partir das 20 horas no Conservatorio Municipal:

 

      Xoves, 12 de abril: “Muller-literatura”, por Concha Blanco. A profesora de piano do Conservatorio, Teresa Bretal, realizará unha presentación musical con pezas de composición propia antes de que a escritora Concha Blanco trace un percorrido polo papel do muller na literatura.

      Xoves, 19 de abril: “Dos fastos aos festexos”, por Francisco Antonio Vidal Blanco, que examina os principais festexos actuais e amosa os seus paralelismos cos fastos dos que falan Ovidio e outros autores clásicos.

      Xoves, 26 de abril: “O multifacetismo emprendedor de Paz-Andrade”, por Xesús Manuel Valcárcel. Con esta charla preténdese afondar na figura polifacética do homenexeado neste ano no Día das Letras Galegas, Valentín Paz-Andrade.

 

TítereHop

Finalmente, hai que resaltar a celebración de TítereHop: un evento adscrito ao programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística dirixida especificamente a adolescentes de 13 a 17 anos. A acción terá lugar o sábado 14 de abril no polideportivo do CEIP O Grupo e constará de dúas representacións (de 11 a 13 e de 17 a 19.30 horas).

 

O programa da actividade comprenderá un obradoiro de hip-hop impartido polo rapeiro García (integrante do grupo “Dios que te crew”), un obradoiro de expresión plástica a cargo de profesionais de “Viravolta Títeres” consistente na construción dun monicreque cantor e, finalmente, a posta en escena do con este monicreque do traballado no obradoiro de hip-hop: esta parte será captada cunha cámara de vídeo para ser colgada posteriormente na Rede vía youtube.

 

Os adolescentes interesados en participar nesta actividade gratuíta poden inscribirse enviando o formulario colgado na páxina web ao enderezo normalizacion@riveira.com.

 





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical