9.4.12

Natureza: Adega di que os planos de conservación das especies están "baleiros de contidos"

  • Moita "recomendación pero pouca vontade de conservación", di a organización ecoloxista galega 
  • De seguir os ritmos da administración, burocráticos a máis non poder, as especies ameazadas estarían protexidas dentro de 243 anos
  • Alertan dos efectos sobre a píllara das dunas ao limpar areais como o de Corrubedo, en Ribeira, con maquinaria

9 de abril de 2012. Segundo informa hoxe Adega, nestes intres atópanse a exposición pública os planos de conservación/recuperación de 3 especies, das máis 200, incluidas no catálogo Galego de Especies Ameazadas. "Tivemos que agardar 5 anos para que a Xunta decidírase a desenvolver estes instrumentos, básicos para garantir o futuro da nosa biodiversidade máis fráxil. De seguirmos este ritmo, a administración cumprirá coa obriga legal de protexer efectivamente a estas especies dentro de 243 anos! ADEGA ten constancia que dende 2007, licitáronse, elaboráronse e entregáronse ducias de Planos de Conservación, cal é o motivo para telos gardados dende aquela nun caixón?  Agora por fin a Xunta apresenta o do sapoconcho galego (réptil), a píllara das dunas (ave), e a escribenta das canaveiras (ave), mais o seu contido non recolle medidas efectivas para a conservación destas especies e os seus hábitats: son só un compendio de "recomendacións", e polo mesmo, carentes de forza legal que por desgraza ninguén vai cumprir", asegura a agrupación defensora do medioambiente galego.

"Estes documentos deberían definir claramente as actividades que poden ser autorizadas, estar prohibidas ou reguladas, atendendo ao estado das poboacións e ás necesidades de conservación da especie. No entanto, os decretos están inzados de "recomendacións" que como sabemos, raras veces se cumpren", continúan.

Os perigos da limpeza das praias con maquinaria

Por exemplo, no caso da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) está comprobado o dano da maquinaria para o peneirado dos areais, maquinaria pesada e demáis inventos para "limpar" as praias, sobre a cría da especie. Ademais, é unha realidade que a limpeza limpeza manual non encarece o procedemento con respecto á mecánica. Tal se fai en praias como as de Corrubedo, mais non noutras nas que aniña esta especie como a de A Lanzada. recomendar a limpeza manual, se fiuca só nunha recomendación non servirá pada nada. Compre, particularmente nas zonas da Rede Natura onde aniña esta especie, prohibir a limpeza mecánica e a retirada de algas de forma xenérica.


Media_httpfarm4static_bsbnf

Nada de cans por areais onde haxa niños

Outra "recomendación" fai referenza aos cans: son demostrados predadores das niñadas de píllara e a súa presenza nas praias en tempada de cría non pode resolverse cunha "recomendación" para que estean presos. O dereito a pasear un can polo hábitat da píllara (podendo deambular por calquera outro sitio) non pode prevalecer sobre a obriga legal de protexer unha especie amezada.

Resulta tamén curioso -segundo Adega- que o Decreto da píllara (Anexo II Sección 2ª 2.1) recolla "Medidas para a eliminación de aparcadoiros non autorizados en zona dunar"??? Se non están autorizados e están en zona dunar, alguén está incumprindo a lei porque estas actividades non están permitidas nestes hábitats, estremadamente fráxiles, e máis en Rede Natura. Como é que a Xunta ten coñecemento destas prácticas e non actúa?

Escribenta nas brañas de Laíño, en Dodro

Advirte Adega que no caso da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica) a medida estrela é propoñer cortas de carrizais, sen ter en conta que nestes espazos pode haber hábitats prioritarios como as Turbeiras calcáreas de Cladium mariscus. A conservación dunha especie non debería provocar afeccións a outras especies nin a hábitats. Mesmo estas cortas e clarexos poderianse facer en plena en tempada de cría da especie!! (Anexo IV)). Ademais, "a frecuencia das cortas debe adaptarse ás necesidades da especie e ás necesidades dos agricultores locais". Tendo en conta que moitas destas cortas faríanse no Dominio Público Marítimo-Terrestre, a necesidade dun agricultor que quere cortar un carrizal público para aproveitamento privado non pode prevalecer sobre a obriga legal de conservar o hábitat da escribenta e doutras especies e hábitats protexidos.

"En definitiva, uns documentos que a Xunta apresenta cun escandaloso retraso, nun número ridículo a teor das especies necesitadas de protección, e cuns contidos "descafeinados" para outra volta, fuxir da súa obriga legal de conservar este patrimonio natural", conclúe Adega.

Pode que tamén lle interese:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical