11.11.10

Ribeira: simulacro de incendio este venres 12 de novembro no instituto de Coroso


Imaxe de arquivo doutro simulacro desenvolto en Ribeira

Ribeira, 11 de novembro de 2010. Protección Civil vai coordinar mañá venres, día 12 de novembro, un simulacro de incendio no IES Coroso. Esta acción, que terá lugar a partir das 11.15 horas, ten como principais obxectivos poñer en práctica o plan de autoprotección do centro educativo, adestrar ao persoal do centro e do persoal exterior con implicación neste tipo de sinistros (Protección Civil, Grumir, Policía Nacional, Policía Local e Bombeiros), comprobar a capacidade de resposta dos medios que interveñen e observar os erros que se cometan para posteriormente emendalos e incluílos no plan de autoprotección.

No desenvolvemento do simulacro partirase dunha suposta alarma de incendio nunha aula baldeira sita na primeira planta do centro. O exercicio constará da evacuación total e correcta do centro educativo, o control de alumnos e persoal desaloxado no exterior, e a valoración dos tempos de evacuación e de resposta de medios externos. 

Esta acción está codirixida por Protección Civil de Ribeira e a dirección do centro educativo IES Coroso e contará cos seguintes medios participantes: persoal interno do colexio, persoal de Protección Civil e do Grumir, bombeiros comarcais e persoal da Policía Local e da Policía Nacional.


Desenvolvemento do exercicio

O desenvolvemento do exercicio terá lugar do seguinte xeito: ás 11.15 horas un responsable do centro educativo informará por teléfono ao 112 de que se está a producir un incendio nunha aula da primeira planta do edificio e de que proceden á súa evacuación. O 112 da aviso aos bombeiros comarcais, policías nacional e local, Protección civil e Grumir para que se preparen para atender a suposta emerxencia. A Policía Local enviará unha patrulla ao lugar de aviso, onde acudirán tamén unha dotación de bombeiros, efectivos da policía nacional e un equipo de Protección Civil e Grumir cun camión motobomba e un vehículo dotado con medios de intervención e extinción en incendios urbanos. 

Mentres tanto, no centro estarase a realizar o desaloxo polos cauces establecidos no plan de autoprotección, e levarase a cabo unha estrita vixilancia tanto da evacuación como da orixe da emerxencia. 

Unha vez rematado o desaloxo procederase ao reconto de alumnos no punto de reunión, e o responsable máximo da evacuación esperará a chegada dos medios de intervención externos para informar ao responsable destes da situación. No caso de que á chegada do equipo de intervención externa aínda non se rematase coa evacuación ou co reconto dos alumnos, este equipo colaborará na finalización destas tarefas. 

A continuación, o equipo de intervención externa entrará no centro acompañado polo responsable do mesmo e revisarán o peche de portas e fiestras, así como o correcto desaloxo do edificio. Unha vez rematada o exercicio, valorarase o seu desenvolvemento con especial fincapé nos erros cometidos. 

De todo o desenvolvemento do exercicio, así como da súa finalización, informarase puntualmente á Central de Emerxencias 112 a través de Protección Civil, telefonicamente ou por terminal remoto.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical