10.5.12

Ribeira: cincocentos nenos disputan na Fieiteira este sábado 12 o Campionato Escolar de Atletismo

  • Trátase do clasificatorio para o certame autonómico do día 26 en Vigo
  • Barbanza aporta nada menos que 8.000 rapaces ao deporte galego en idade escolar

Ribeira, 10 de maio de 2012.- O municipio de Ribeira converterase esta fin de semana no epicentro do atletismo en idade escolar a través da celebración este sábado no complexo da Fieiteira do Campionato Provincial Escolar de Atletismo, no que participarán medio milleiro de rapaces de toda a demarcación coruñesa.

O xefe provincial de Deportes da Coruña, Roberto García; a directora técnica da Federación Galega de Atletismo, Madó González; e o concelleiro de Deportes do Concello de Ribeira, Juan Luis Martínez, explicaron hoxe nun acto celebrado no Consistorio local os detalles deste certame.

O de Ribeira deste sábado será unha competición que inclúe tanto probas individuais como combinadas e na que participarán nenos e nenas das categorías benxamín, alevín e infantil (nacidos entre 2003 e 2000). O certame dará comezo xa en torno ás 10 da mañá e se prolongará ao longo de todo o día. Haberá probas de todo tipo: tanto saltos, como carreiras e lanzamentos.

Os rapaces que acoden ao torneo son os que rexistraron as mellores marcas das fases zonais, e do mesmo se desprenderán os deportistas que participen o próximo 26 de maio no Campionato Galego, certame que se disputará na cidade de Vigo.

Segundo informou Roberto García, esta competición enmárcase no Plan Xogade da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, que convocou neste curso a uns 68.000 rapaces de todo tipo de especialidades deportivas, das cales 4.800 foron de atletismo.

O xefe provincial da Xunta tamén destacou a aportación da comarca de Barbanza ao deporte galego en idade escolar, cuns 8.000 rapaces involucrados.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical