2.8.10

A Pobra do Caramiñal: o alcalde di que a oposición debe pedir disculpas por intoxicar á opinión pública co POL

Isaac Maceiras afirmou hoxe que "dixen a verdade en relación ao Plan de Ordenación do Litoral, polo que Bng e Psoe deben pedir disculpas aos veciños"

A Pobra do Caramiñal, 2 de agosto de 2010. O equipo de Goberno local da Pobra, co seu alcalde Isaac Maceiras á fronte, deu hoxe unha rolda de prensa para aclarar a súa postura sobre o controvertido Plan de Ordenación do Litoral. Como é costume nesta publicación, deixámolos coa nota de prensa íntegra da alcaldía:

     "O tempo sempre pon a cada un no seu sitio e o demostra o feito de que xa o pasado 15 de abril nun comunicado de prensa coa finalidade de tranquilizar aos veciños, o alcalde dicía que o PXOM se adaptaba ao POL e dicía a verdade, mentres que o PSOE e o BNG se dedicaban a mentir, falsear e enganar aos veciños.

     Despois de analizar durante máis dun mes o equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), en relación co Plan de Ordenación do Litoral (POL), desprazáronse o 13 abril ata Santiago o Sr. Alcalde, o concelleiro de Ubanismo, o secretario e o aparellador municipal xunto co xefe do equipo redactor,  José Cebrián, para manter unha xuntanza co Director Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Manuel Borobio Sanchís, que estivo tamén acompañado por técnicos da Xunta de Galicia.

     Nela abordouse a interpretación dos contidos do PXOM e a súa adaptación con POL. Analizáronse os diferentes ámbitos nos que o concello presentaba certos problemas e dúbidas. O noso concello achegoulles aos representantes da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe un dossier de valoracións acerca do planeamento así como documentación dos cambios que este sufriu desde o ano 1984 ata a actualidade. A avaliación dos documentos demostrou a compatibilidade entre o PXOM e o POL.

     Este alcalde e o seu equipo de goberno sempre dixeron a verdade sobre o PXOM, mentres que polo contrario, o BNG e o PSOE crearon alarma social, intranquilizaron aos veciños sen saber como quedaría o PXOM en relación ao POL. Lembrar que o noso municipio foi o primeiro municipio costeiro de Galicia en adaptarse á lei do solo 9/2002, e que mesmo a Xunta de Galicia de aquel entón, gobernada polo bipartito PSOE-BNG, o poñía como exemplo.

     Por iso, desde esta alcaldía, queremos dicirlle aos veciños de todas as parroquias que estean tranquilos, que este alcalde xamais deixará  de traballar por eles. Que as ampliacións de núcleo que tanto o BNG coma o PSOE dicían que se ían retirar non é certo, que os veciños do Campiño, Cercias, Devesa, Areos, Castro, Crocha, Angustia, Inferniño, etc.....poden estar e durmir tranquilos, que as 300 casas que presuntamente se ían ver afectadas xamais o estiveron, que as malas informacións dadas polo BNG e o PSOE son historia xa que a Xunta de Galicia confirmou o pasado venres 30 de xullo, coa publicación da aprobación inicial do POL, que o PXOM da Pobra do Caramiñal adáptase a este.

     E agora seguimos preguntándonos:

     - ¿Para qué tanta contaminación informativa por parte do BNG e do PSOE?

     - ¿Para qué tanto mentir, enganar e falsear aos veciños?

     - ¿Para que se pediu un Pleno Extraordinario sen sequera falar co Sr. Alcalde?

     - ¿Ou é que, como sempre, ao BNG e ao PSOE lles vale todo?

     Nós, mentres tanto, seguiremos a traballar polos nosos veciños coa verdade por diante".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical