Dodro, 28 de xuño de 2011. Este sábado, día 2, a asociación Sementar -colectivo que quere revalorizar o convento de Herbón, en Padrón, e arredores- convida a que quen queira os compañe de novo "a gozar dun espazo natural privilexiado que, a pesar de ter tan preto, moitos e moitas de nós non tivemos aínda ocasión de coñecer como deberiamos. Logo do roteiro guiado polas brañas de Laíño que gozamos hai agora xusto un ano quedounos ganas de máis, sobre todo de coñecer a outra parte das brañas que non visitamos aquel día, de Dodro a Padrón. Acompañados/as de novo do profesor Manuel Lorenzo Baleirón -un gran coñecedor da historia, das tradicións e do hábitat natural deste espazo- percorreremos desta vez a outra parte das brañas, a que vai desde a área recreativa do Bosque, en Dodro, ata Padrón".
Agardan este sábado día 2 ás 9.30 da mañá na área do Bosque, en Dodro. Podedes levar algo para o xantar (comida ao rematar a xornada), auga, botas para a lama, sombreiro para o sol… e todo o queirades pero principalmente moitas ganas de andar (son aproximadamente uns 10 quilómetros) e de coñecer as brañas!! Rematarase a xornada a iso das 14.30 horas. Se aínda non estades convencidos/as deixámosvos esta ligazón para que poidades descargar unha fermosísima guía editada por Verdegaia na que atoparedes moita información sobre as brañas de Laíño, un dos espazos húmidos máis extensos, descoñecidos e de maior valor ambiental do noso país, e non só pola súa biodiversidade, tamén pola súa historia e etnografía. Se aínda vos quedan dúbidas, podedes chamar ao 617 260 670 para resolvelas todas, ou mandar un correo electrónico a sementar@gmail.com.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario