- As primeiras rúas con este tipo de luminarias serán a 9 de agosto, Rosalía de Castro e Otero Pedrayo. Tamén haberá leds na Praza do Concello
- Estímase o aforro nun 60% con respecto á tecnoloxía que hai agora colocada
Ribeira, 28 de xuño de 2011.- O Concello instalará alumeado de tecnoloxía led en catro vías do casco urbano de Santa Uxía: concretamente, nas rúas 9 de agosto, Rosalía de Castro e Otero Pedrayo, así como na praza do Concello. Esta acción, que se executará en breve, insírese no plan de aforro enerxético municipal e constará da instalación dun total de 48 luminarias de 85 watios do modelo SpeedStar nos lugares indicados.
Á hora de seleccionalos, o Executivo Local tivo en conta que a praza do Concello xa conta con lámpadas emisoras de luz branca, de tal xeito que, ao introducir agora iluminación LED tanto nesta praza como en gran parte das vías que desembocan na mesma, conséguese crear un conxunto harmónico e atractivo.
Cabe salientar tamén que esta tecnoloxía LED de última xeración permitirá aforrar en torno a un 60% de consumo enerxético, ao tempo que mellora a calidade do servizo reducindo o impacto no medio ambiente ao non xerar emisións de carbono.
Reubicación
As luminarias substituídas serán reubicadas para reforzar adecuadamente a iluminación doutras zonas do casco urbano da cidade.
Esta acción é posible grazas a que Ribeira foi un dos cinco municipios galegos e o único da provincia coruñesa designados para o desenvolvemento dun proxecto piloto de iluminación pública exterior promovido polo INEGA (Instituto Enerxético de Galicia) coa colaboración da empresa Philips Ibérica.
Con tal motivo, no pasado marzo tivo lugar a sinatura dun convenio de colaboración entre as partes implicadas. O custo da actuación ascende a 96.388,92 euros, das cales o Concello de Ribeira aporta 28.916,68 euros, o INEGA 38.555,57 euros e Philips Ibérica 28.916,68 euros.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario