Os nacionalistas din asistir "con preocupación á demora en executar o acordado e non só iso senón que os plans da Xunta pasarían por desmantelar os GRUMIR da comarca en Boiro e Ribeira e non cumprir deixando a Rianxo sen servizo cando sí se anuncia para Carnota, Ponteceso e Muxía, mantendo só o GRUMIR de Noia como o máis próximo". Aseguran que levan varios plenos desde que se aprobou en xullo de 2009 unha moción do BNG preguntando polo papel do alcalde para facer valer na FEGAMP o acordo pois non constatan avances neste senso: "ao contrario, as novas están a ser negativas e un claro incumprimento e marcha atrás que deixará a bisbarra moito peor atendida en materias de emerxencia", argumentan.
TEXTO ANTERIOR DA NOTA DO BNG
Os nacionalistas din que segue plenamente vixente o que afirmaban antes. Textualmente dicían: "A Rianxo correspóndelles alomenos seis efectivos profesionais ampliábeis até doce cando isto sexa posible para manter un servizo de vinte e catro horas de garda para os veciños. A próxima execución dun polígono industrial, o paso polo municipio de quilómetros da autovía do Barbanza, aos que se engadirá o ferrocarril, a zona portuaria –con importante flota de baixura e barcos bateeiros, a ampla zona forestal próxima ás vivendas, o aumento da poboación en época estival, son argumentos en prol de termos en Rianxo ao completo esta prestación que nos corresponde, sen localismos, nin entrar a valorar a presenza ou ausencia noutros concellos da bisbarra destes profesionais.
A rapidez que se esixe de resposta diante dunha emerxencia motiva que se precise ter unha ubicación axeitada da sede, dos efectivos e dos vehículos para atendela. Zona portuaria, ou a futura zona de servizos do parque empresarial serían dúas ubicacións a estudar.
A incorporación de profesionais, unido ao mantemento da agrupación voluntaria de Protección Civil, daría orixe a un eficaz servizo de emerxencias, seguridade e protección civil axeitado para os veciños dun concello como o noso e permitiría atender tamén emerxencias de concellos próximos, de igual xeito Rianxo é atendido polos bombeiros da bisbarra. Son servizos complementarios que non se superpoñen estando as competencias ben delimitadas".
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario