29.11.10

Noia: convocan aos afectados polas expropiacións para facer a conexión do corredor Brión-Noia coa estrada AC-543 o 10 e 11 de xaneiro

As reunións nas que se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados terán lugar na Casa da Cultura de Noia. Será necesario afectar a 177 fincas para rematar esta conexión, segundo a Xunta


Noia, 29 de novembro de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) as datas para o levantamento de actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do novo vial de conexión do Corredor Brión- Noia coa estrada que une a cidade de Santiago de Compostela con Noia (AC-543), na altura do núcleo de Sampaio.

Este vial suporá o punto e final das obras a Vía de Alta Capacidade (VAC) Brión-Noia, xa que o proxecto propón a construción dunha vía que arranca na glorieta Este, pertencente ao enlace de Sampaio e, dende dito punto e ao longo de 500 metros, descende ata a AC-543, onde se deseña unha glorieta circular.

A casa da cultura "Antón Avilés de Taramancos" está na rúa Corredoira

As reunións nas que se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados iniciaranse o 10 de xaneiro na Casa da Cultura de Noia, dende as 9.30 ata as 13.30 horas, dende o A ata Martínez Gómez Isolina. O día seguinte, 11 de xaneiro, no mesmo lugar e horario, acudirán os afectados dende Nimo Mato María Luísa ata a letra Z.

Os titulares afectados deben acudir persoalmente ao acto ou delegar nunha persoa autorizada para actuar no seu nome, aportando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo da contribución.

Características técnicas
O tronco desta conexión terá tres carrís de 3,5 metros cada un, dúas beiravías de 1,5 m e dúas bermas de 0,75 metros cada unha. Pola súa banda a sección da glorieta componse de dous carrís de 4 metros cada un; dúas beiravías, unha interior e outra exterior, ambas dun metro; e dúas bermas de 0,75 m. A velocidade de proxecto é de 60 km/h e a rampla máxima do 7 %.

Para levar a cabo estas obras, que teñen un presuposto de máis de 1,8 millóns de euros e que comezarán no primeiro semestre de 2011 e remataranse no 2012, necesitarase facer unha escavación e desmonte de 87.504 metros cúbicos e un terraplén ou pedraplén de máis de 33.600 m3; empregaranse case 5.000 m3 de formigón e máis de 101.600 quilos de aceiro. Por outra parte, realizarase a ordenación ecolóxica estética e paisaxística da zona, o drenaxe lonxitudinal e transversal e a sinalización e balizamento.

A urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados na execución desta infraestrutura, xustifícase pola súa incidencia na seguridade vial, co fin de evitar riscos innecesarios para os veciños de Sampaio ao articular e conectar o Corredor brión Noia coa estrada AC-543.

O Goberno galego, coa posta en marcha desta obra, pretende desconxestionar este núcleo de poboación dun tráfico pesado e abundante de vehículos, así mesmo conseguirase finalmente reducir os tempos de percorrido.

Outra das necesidades para proceder de forma inmediata débese a entrada en funcionamento do mencionado Corredor.

O vial beneficiará a unha poboación de máis de 25.000 habitantes dos concellos de Noia e Porto do Son, e para levalo a cabo será necesario afectar a 177 fincas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical