Con tal motivo, o Centro de Interpretación do Parque Periurbano de San Roque foi escenario na tarde de onte dunha presentación, na que a concelleira municipal de Igualdade e Acción Social, Esther Patiño, a directora do Centro de Información á Muller, María Angeles Crujeiras, e dúas representantes da entidade que elaborou o estudo de diagnose previo á posta en marcha da actividade, Consultora Sánchez-Albornoz, expuxeron as principais características do Banco de Tempo. Ante elas atopábanse parte dos 17 veciños (15 mulleres e 2 homes) que xa están anotados na iniciativa, e que recolleron diversa documentación, como o regulamento e os talonarios necesarios para efectuar as prestacións.
Entre as tarefas ofrecidas polos usuarios anotados figuran a realización de clases de informática, de internet ou de idiomas (castelán, inglés, francés ou árabe), a axuda con aparellos electrónicos, tarefas de albanelería ou fontanería; facer recados ou xestións, facer pasteis, a restauración de mobles, recoller receitas na farmacia, maquillaxe, masaxes terapéuticos, punto de cruz ou manualidades.
Por outra parte, hai unha serie de tarefas e servizos que aínda que son demandadas polos usuarios do servizo, a día de hoxe non hai oferta: clases de alemán e galego, de perruquería, traballos de costura, poda e enxertos de árbores, desprazamentos en coche, consellos para tratar as persoas maiores...
Páxina web
O acto deu cabida tamén á prestación dunha páxina web específica da actividade e que se ben aínda está en construción xa recolle diversa información valiosa para os que estean interesados en participar no banco. A súa dirección é www.bancodotempo.com.
O funcionamento do servizo vai estar coordinado a través dunha Secretaría do Banco de Tempo que estará ubicada na sede do CIM (rúa Correos nº 5 de Santa Uxía; teléfonos: 981 874 131, 981 873 409; fax: 981 873 955, cim@riveira.com). Tanto os usuarios do Banco como os que estean interesados en anotarse no mesmo poden poñerse en contacto con esta Secretaría, cuxo horario de atención ao público vai ser polo momento os luns de 17.00 a 18.00 horas. A partir de mediados de xullo e con ocasión do período de verán este horario será trasladado ás mañás.
Despois da exposición, os usuarios que se achegaron ao parque de San Roque puideron disfrutar dunha visita guiada pola zona exterior do mesmo baixo a guía da técnica de Turismo do Concello, Sandra Fernández.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario