A Pobra, 23 de outubro de 2011. Como parte do calendario de actos da celebración da XIII edición de Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán, o venres 21 de outubro ás 20:30 h., tivo lugar a presentación da novela de corte histórico “Anacaona. El fin de una raza”, do veciño noiés Ramón Carredano Cobas. Para este acto de presentación no auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra, déronse cita acompañando ó escritor, o historiador e veciño pobrense, Carlos Mosteiro, a concelleira de cultura, Encarna González Montemuíño, e a presidenta da Asociación Amigos do Museo Valle-Inclán, Paola García Paz.
Foi a concelleira de cultura a encargada de abrir o acto dando a benvida a tódolos veciños que se achegaron ó auditorio e presentando á monologuista Isabel Beiras, que meténdose na pel de Anacaona explicou ós presentes o sufrido polo seu pobo cando se sucederon os acontecementos que sobreviñeron ó momento en que Cristóbal Colón arribou ás terras americanas no ano 1492.
O historiador Carlos Mosteiro, amigo de Carredano, encargouse de presentar ó propio escritor e maila súa obra e de ler ó público algúns dos párrafos ó seu xuízo máis destacados da novela, e con elo deu paso ó autor, que logo de falar do proceso seguido na elaboración da obra, entrou nun debate co público e con Mosteiro sobre a mesma.
Pechou o acto a presidenta da Asociación Amigos do Museo Valle-Inclán agradecendo a presenza de todos e convidando ós veciños ós actos que aínda restan na conmemoración desta edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán.
Relacionadas:
Xornadas Valle-Inclán: imaxes da presentación e da exposición. Programa
Valle-Inclán: a revista Cuadrante adícalle un monográfico
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario