Será a vindeira semana dentro da terceira fase do programa "A túa pegada en San Roque"
Vicente García, Sandra Fernández e Mario Vidal na presentación do proxecto
Ribeira, 21 de maio de 2010.- O Concello de Ribeira anunciou a posta en marcha a partir da próxima semana da terceira fase do proxecto “A túa pegada en San Roque”, cuxa principal actividade consistirá na repoboación dunha parcela forestal do propio parque que fóra queimada durante os incendios do verán do 2006.
O concelleiro de Turismo, Vicente García, foi quen presentou o proxecto na compaña dos técnicos municipais de Turismo e Xuventude, Sandra Fernández e Mario Vidal, respectivamente. Ademais do Departamento que dirixe García Rivas, tamén está implicada nesta iniciativa a Concellería de Educación, cuxa edil Juana Ermitas Crugeiras non puido asistir á presentación.
Vicente García lembrou que “A túa pegada en San Roque” é un proxecto educativo e medioambiental que xurde co afán de recuperar e promocionar o patrimonio artístico, histórico, cultural e natural do concello e de poñer en valor o parque situado a carón da cidade de Santa Uxía. Nas súas dúas anteriores fases este proxecto estivo dedicado á promoción dos recursos arqueolóxicos do parque (hai dous anos) e, ao seu patrimonio medioambiental (o curso pasado). Nesta ocasión, proséguese co afán de potenciar estes usos do recinto a través dun conxunto de actividades interactivas de carácter formativo, educativo, cultural e lúdico.
O proxecto, que é gratuíto, está dirixido aos alumnos de quinto e sexto de primaria dos diferentes centros públicos e concertados do concello riveirense, estimándose en máis de 350 o número de nenos que visitarán o parque con este motivo. Ata o momento a data máis próxima entre as confirmadas para asistir é o próximo mércores, no que concorrerán ao enclave periurbano alumnos do CEIP de Palmeira.
Cada grupo de alumnos que acuda ao parque comezará o día cunha breve introdución na que se explicará en que vai consistir a xornada para efectuar a continuación unha visita guiada á exposición arqueolóxica Megalitismo, Idade de Bronce e Idade de Ferro. Acto seguido, os rapaces poderán coñecer os distintos itinerarios do Parque de San Roque, de 175 metros cadrados de extensión, a través dun gran xogo.
Follas e froitos do acivro
Piñeiros e acivros
Despois farase a plantación á que se aludiu anteriormente, de tal xeito que cada grupo visitante plantará unha árbore autóctona ata sumar un total de catorce, doce das cales serán piñeiros mansos e dúas serán acivros. A xornada rematará cunha breve avaliación do programa desenvolvido.
En principio, as actividades darán comezo ás 9.30 horas e rematarán ás 13.30 horas, aínda que este horario vaise adaptar ás necesidades específicas de cada centro educativo.
Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario