A deputada Ana Pontón di que a declaración como BIC "non pode ficar só no Diario Oficial de Galicia, ten que ter efecto"
Rianxo, 21 de Maio de 2010.- A deputada do grupo parlamentariodo BNG Ana Pontón instou onte á Consellería de Cultura a que asuma a súa responsabilidade e faga efectiva a declaración, hai algo máis dun ano, da casa de Castelao como Ben de Interese Cultural, "para que non fique simplemente no DOG".
Ana Pontón, durante o debate en comisión dunha iniciativa do BNG sobre este asunto, lembrou que este espazo ten que deixar de estar pechado ao público e ten que abrirse para que “sexa un pouco máis de todos os galegos e galegas” e dignificar así, explicou, o traballo e o legado dun personaxe como o de Castelao, “a quen tanto lle debemos”.
A deputada nacionalista lembrou que trala declaración da casa como BIC había unha decisión de posta en valor da súa obra e do seu compromiso con Galiza que debe efectivizarse, máis alá do cruce de acusacións e diferentes titulares que se produciron ao longo deste ano e que van na dirección totalmente contraria.
Neste sentido, a parlamentar considera que a Xunta ten a obriga de intervir e realizar as xestións pertinentes para poder abrir a casa, nun horizonte temporal, ademais, non moi lonxano, e reivindicou tamén que se axilice a tramitación do expediente para declarar BIC ao conxunto da obra de Castelao, toda vez que boa parte do traballo, como o de catalogación, xa está realizado.
Pontón Mondelo recordou que existe unha proposición non de lei aprobada recentemente na Cámara, por unanimidade, a iniciativa do BNG, demandando este recoñecemento para o legado de Castelao, que suporá un “salto de xigante no recoñecemento dunha figura que, efectivamente, é de todos –dixo- mais de todos aqueles que respeten a súa obra e pensamento e o asuman sen manipulacións”.
Para a deputada, cómpren feitos concretos por parte da Consellería, que se limitou a respostar de forma “etérea” no transcurso da comisión, falando de “prudencia”, “colaboración, “excelencia”, “negociacións” pero sen concretar nada, lamentou a parlamentaria.
Nota de Certo: Sobre toda esta polémica xa informamos en Certo. Que a situación estea estancada non é "casualidade". Os que coñecen polo miúdo o que levan feito e queren facer falan dun abuso máis da administración cos administrados en nome da "cultura".
Casa de Castelao na rúa de Abaixo: un familiar do dono opina sobre os intentos de expropiación. Aquí
Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario