21.5.10

Ribeira: XIII Mostra de Teatro Infantil, do 24 ao 28 de maio no auditorio municipal


Participarán 135 pequenos actores, e serán agasallados con estas figuriñas

Ribeira, 21 de maio de 2010.- Arredor de 135 pequenos actores van participar na 13ª edición da Mostra Infantil de Teatro, que se desenvolverá entre os días 24 e 28 de maio. O concelleiro de Cultura do Concello, Luciano Fernández, e o director da escola de teatro local, Segundo Chiki Durán, foron os encargados de desvelar onte o calendario de actuacións que se enmarcan neste evento, e que inclúen un total de oito representacións a cargo de diferentes colexios e ANPAS do municipio. O número de rapaces colaboradores, xa non só interpretando senón desenvolvendo todo tipo de tarefas necesarias para a posta en escea, suman arredor de 300. 

Luciano Fernández anunciou que o Grupo de Teatro da ANPA do CEIP de Palmeira será o primeiro en subirse ao escenario do Auditorio Municipal, facéndoo o luns 24 coa obra “O Rei Maragato estaba triste”, con guión orixinal de Cipriano Ferández Fernández e adaptación e dirección de Segundo Chiki Durán. A continuación actuará o Colexio Bayón con “A princesiña Socorro, o trobeiro Carolo e o demo dos cornos”, peza adaptada e dirixida por Mingos Armental. 

No martes 25 tocaralle o turno á ANPA do Colexio Galaxia con “As cagadas dos cans”, escrita e dirixida por Cipriano Fernández Fernández. De seguido as tablas estarán ocupadas polo Colexio A Milagrosa de Oleiros, que representará “A consulta do Doutor Jeep”, adaptada e dirixida por Mingos Armental. 

O Colexio Galaxia será  o primeiro dos grupos dramáticos que actuarán o mércores 26, coa obra “Cousas do ceo”, escrita e dirixida por Cipriano Fernández Fernández. A continuación intervirá a ANPA do Colexio Bayón con “Grease”, a partir dunha adaptación do coñecido musical realizada por Mingos Armental, que tamén dirixe a obra. 

Luciano Fernández e Segundo "Chiki" Durán na presentación, unha edición máis

Peche a cargo do grupo de teatro infantil

O xoves 27 actuará  o obradoiro de teatro do CEIP O Grupo coa obra “Fabuloso”, con guion e dirección de Daniel Gómez Ramil. Por último, o venres 28 de maio o Grupo Municipal Infantil de Teatro porá o peche a Mostra coa obra “R. I.P. (Risas, Ibuprofeno e Paracetamol), escrita polos propios compoñentes do Grupo Municipal Infantil de Teatro e adaptada e dirixida por Segundo Durán. 

Todos os días as funcións dará comezo ás 20.00 horas, aínda que se recomenda retirar as entradas media hora antes do inicio das mesmas. A entrada é libre e gratuíta. 

Luciano Fernández destacou durante a súa alolución a colaboración recibida entre outros da Asociación Cultural Alfaia e de Carmen Peña e Celia Pillado. Tamén fixo fincapé no espíritu participativo dos 135 intérpretes, xa non só durante esta mostra senón ao longo de todo o ano. Cada un dos grupos de teatro participantes recibirán unhas figuriñas.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical