Noia, 24 de marzo de 2011. Un dos capítulos máis longos e xa case aborrecidos da política noiesa parece estar a chegar á súa fin. O director xeral de Sostibilidade da Costa e o Mar (Ministerio de Medio Rural e Medio Mariño), Pedro Antonio Ríos, o delegado do goberno en Galicia, Antón Louro, e o alcalde de Noia, Rafael García Guerrero, anunciaron esta tarde a aprobación da Declaración de Impacto Ambiental que permitirá retirar toda a escolleira e rexenerar parte da Ría de Muros e Noia.
Segundo explicaron, o inicio das obras é xa para o mes vindeiro, abril, e mesmo Pedro Antonio Ríos chegou concretar que os traballos darán comezo "antes de los tambores de Semana Santa", ou sexa antes do 22 de abril, cando os tambores resoan na procesión do Encontro noiesa.
O que se vai facer
Na Declaración de Impacto Ambiental (DIA) sinálase que se van eliminar as escolleiras de encauzamento actuais, dragar para limpar o fondo mariño preto da escolleira e retirar os cascallos que quedan nas zonas da Chaínza e Testal.
O volume total de demolición das escolleiras é de case 50.000 metros cúbicos, ao que hai que sumar os case 4.000 de recheos existentes. Para derrubar as escolleiras hai que facer dous camiños de acceso provisionais de cinco metros de ancho cada un. Irán desaparecendo conforme se vaia retirando o material de derrubo. Os traballos efectuaranse sobre unha franxa de uns 400 metros cadrados enfronte do paseo marítimo de Noia. Optouse por traballos en seco fronte a acometementos mariños para que as augas non se poñan turbias e poidan danar zonas adxacentes. Os traballos non se farán en ningún momento con máis de 20 centímetros de auga.
Coordinación co viaduto sobre a Ría
Os traballos e a maquinaria van ser coordinados de xeito que se aproveiten tamén para a obra do viaduto sobre a Ría, incluída na solución da nova variante de Noia, a executar pola Xunta de Galicia. En todo momento haberá controis para ver a evolución da dinámica do litoral, control sobre a calidade das augas, sobre a fauna, recursos marisqueiros e mesmo control arqueolóxico, por se aparecera algún vestixio de importancia, aínda que se coida que non, pois a operación é moi superficial.
Antes publicamos:
Política: o Bng di que sacar a escolleira é "unha operación estética"
Rexeneración da Ría: máis preto, trala reversión de 224.000 m2
Limpeza da Ría: lea no Parlamento sobre 400 hectáreas de lama
Versión Bng
Versión PSdeG
Escolleira: Adega fala de chafallada administrativa
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario