Ribeira, 25 de outubro de 2010. A Concellería de Cultura e Festexos convocou en xuño deste ano e xa está divulgando a terceira edición do Concurso Internacional de Novela Curta “Cidade Centenaria de Ribeira 2010-2012”. Trátase dun certame de frecuencia bienal co que se pretende potenciar e apoiar a literatura en lingua galega co gallo de conmemorar a concesión do título de Cidade a Santa Uxía o 23 de marzo de 1906.
Así, a Área Municipal de Cultura efectuou este mes un envío de carteis e dípticos a máis de 300 lugares de Galicia e do exterior, ademais dun mailing masivo, co obxectivo de informar sobre as bases do certame, que nas súas dúas anteriores edicións foi gañado por Begoña Paz Rey, con “As mellores intencións”, e por Ignacio Silva con “Vertixes”. Ambas obras están publicadas pola editorial Xerais.
Poderán concorrer ao concurso todas as persoas maiores de idade, de calquera nacionalidade ou residencia, cun único traballo en lingua galega normativa de temática libre, orixinal e inédito. A obra, cunha extensión mínima de 80.000 caracteres e máxima de 120.000 caracteres, presentarase por quintuplicado en exemplares separados.
O prazo de admisión de orixinais rematará o 23 de marzo de 2011, aniversario da concesión do título de Cidade.
Premio único de 3.000 euros
Establécese un primeiro e único premio de 3.000 euros, diploma conmemorativo da obra e publicación que será realizada por Edicións Xerais de Galicia. O importe do premio estará suxeito á lexislación fiscal vixente.
Máis información no Auditorio Municipal (teléfono: 981 835 650, e-mail: culturaefestexos@riveira.com)
Antes publicamos:
Convocada a terceira edición do premio de novela de Ribeira
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario