25.10.10

Banda deseñada: o brionense e medio boirense Brais Rodríguez Verde, gañador do VI premio "Castelao" de banda deseñada con "A man do diaño"


O premio, convocado pola Deputación da Coruña, está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra gañadora

Boiro, 25 de outubro de 2010. O debuxante Brais Rodríguez Verde (Brión, 1980), é o gañador da VI edición do premio de banda deseñada “Castelao”, convocado pola Deputación da Coruña e dotado con 6.500 euros e a publicación da obra gañadora. O fallo foi feito público esta mañá polo presidente da institución provincial, Salvador Fernández Moreda, durante unha rolda de prensa que contou tamén coa asistencia do comisario do certame, Miguelanxo Prado, da deputada responsable da área de Cultura, Caridad González Cerviño, e dos integrantes do xurado, que seleccionou por unanimidade a obra A man do diaño, de Brais Rodríguez, da que destacou que “a partir dunha anécdota sinxela constrúe, nun relato ucrónico, un alegato humanista e antibelicista”. A acta do xurado destaca tamén o acertado uso dos recursos narrativos da obra premiada, “cun estilo moderno, claramente vencellado á banda deseñada europea máis nova”.

Brais Rodríguez , nado en 1980 en Brión e criado en Boiro, Brais Rodríguez Verde é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo e conta xa, pese á súa xuventude, cunha dilatada traxectoria de premios entre os que se conta o primeiro premio de banda deseñada do certame GZ-Crea en 2009, ou o primeiro premio do certame de banda deseñada de Cangas do Morrazo (2005).

Salvador Fernández Moreda afirmou que, coa convocatoria deste galardón, a Deputación da Coruña quere “promover a aparición de novos valores no ámbito da banda deseñada, xente que nun futuro poida ser para o cómic galego o que hoxe é Miguelanxo Prado”, e destacou que os gañadores deste premio en anteriores edicións como David Rubín, Antonio Seijas, Jacobo Fernández Serrano ou Mariano Casas, contan hoxe cunha importante proxección no ámbito do cómic galego.

Pola súa banda, Miguelanxo Prado subscribiu as verbas de Fernández Moreda e apuntou que o gañador da anterior edición do certame, Daniel Montero Coira, participará o vindeiro mes de xuño no I salón de banda deseñada de Munich, motivo polo que expresou a súa satisfacción, xa que o premio Castelao “non busca só o efecto directo de premiar a una obra e un autor concreto, senón que se produza como efecto secundario promover a banda deseñada galega en xeral”.

Segundo explicou o comisario do certame, A man do diaño sitúase “nun espazo de utopía e ucronía”, dende o que “vai amosando un catálogo de situacións e implicacións dos personaxes” durante unha situación bélica, que levan ao lector a “unha reflexión sobre o absurdo das guerras”.

Autorretrato de Brais Rodríguez Verde

Cofundador do fanzine "Carne líquida", Brais Rodríguez é un dos autores fixos da revista "Barsowia" desde o seu primeiro número e o autor individual con maior volume de obra presente no tomo colectivo "Barsowia en llamas". Tamén foi un dos nomes ineludibles do "Fanzine Enfermo", e contribuíu á revista "Dos veces breve" (especial underground), ao álbum colectivo "H2Oil", así como ao web www.chapapote.org do Colectivo Chapapote. Historietas súas viron a luz nos compilatorios do principal concurso galego de BD nos anos 1999 e 2003. Ademais, ten sido merecedor de recoñecementos como pintor, participando en diversos certames. É membro do colectivo Leña Verde, de Boiro, dende a súa fundación.

En Certo non somos alleos ás súas andanzas, e levamos seguíndoo dende a nosa fundación. Hai unha entrevista del aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical