Rianxo, 25 de outubro de 2010. Os nacionalistas de Rianxo emitiron unha nota de prensa na que se laian de que o Museo do Mar de Rianxo (o único destas características aínda en Barbanza e Noia) volte a reducir os seus horarios nos momentos en que máis afluencia de turistas pode haber. "Cando se poñen en marcha as estancias literarias promovidas pola mancomunidade Arousa Norte onde un mariñeiro das ilustracións de Castelao acompaña aos turistas pola vila os domingos o Museo do Mar permanece pechado", explican. "Supoñemos que finalizada alguha subvención o executivo de Rianxo é incapaz de manter uns horarios axeitados para manter aberto o que alcumaron de buque insignia do proxecto "Rianxo, o mar feito tradición" e que semella ter numerosas fendas no seu casco, entre eles a falta de persoal para atendelo e a falta de vontade política para constituír un Padroado que nunca se reuniu e botar abaixo a cacarexada e publicitada entente co Museo do Pobo Galego", apuntan.
O Bng xa denunciara os horarios de apertura en 2008
Progresivamente, despois da súa apertura, o Museo do Mar foi reducindo o horario de apertura axustándose ao das oficinas municipais en horario de mañá. "Evidentemente atraer o turismo pechando polas tardes, fins de semana e festivos non semella ser o camiño máis acertado para potencialo", salientan dende o Bng.
"Cando se proclama o turismo como un dos motores económicos desta bisbarra e deste concello en particular, é cando menos cuestionábel que un dos atractivos nos que se investiron notábeis recursos económicos estea nunha situación de atención baixo mínimos, atendido unicamente en horario de oficina polos técnicos de turismo pero pechado cando o turista ou o veciño de Rianxo dispón de tempo libre para acudir", engaden.
Proposta: voluntariado entre os mariñeiros e mariscadoras xubiladas
O BNG de Rianxo proporá se abra unha liña de voluntariado entre os xubilados do mar rianxeiros para que complementen os horarios dos traballadores e ofrezan a súa experiencia mariñeira para a mellor guía dos visitantes do Museo do Mar. "Que mellor explicación dos contidos que escoitar in situ a algún mariñeiro ou mariscadora dar conta da súa vida de traballos no mar e presentarnos os seus trebellos! Pero de ningún xeito isto pode ir en detrimento da necesidade primaria de dotar de persoal suficiente ao Museo do Mar. Cada quen ten o seu papel e eles, os xubilados ou o voluntariado non van solucionar a falta de xestión en temas de persoal do executivo rianxeiro", conclúe o Bng.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario