20.1.11

Política: dous cargos socialistas da bisbarra de Noia colgan as súas nóminas nos seus respectivos blogs


José Manuel Lage
Noia, 20 de xaneiro de 2011. Fai o que digo pero non o que fago. Predican e non dan trigo. Estamos acostumados a aplicarlles estas frases feitas a políticos e relixiosos pero, nestes tempos de Internet a realidade pode estar a mudar. E esixencia de transparencia de cada vez máis cidadáns concienciados ás súas clases dirixentes está en alza. Aínda que a clase política en Galicia e en España en xeral está máis acostumada a darlle conta do que fai aos seus xefes -os que os poñen na lista electoral en moitas ocasións- que aos seus representados, algúns entre eles pensan que é tempo de trocar esa opacidade hacia os que pagamos os seus soldos.

O deputado socialista José Manuel Lage leva uns días falando no seu blog de transparencia. E hoxe deu exemplo: "Tal e como vos adiantaba onte, fago pública a miña nómina (os meus ingresos correntes) como deputado no Parlamento de Galicia. Non é unha obriga, é unha decisión libre, voluntaria e un paso máis de cara a facer máis transparente a actividade política".


Horas máis tarde, o alcalde de Noia, o tamén socialista Rafael García Guerrero, facía o mesmo no seu blog. Non sabemos se callará esta acción, nin se provocará os efectos desexados (unha maior confianza dos gobernados cos seus administradores eventuais) ou os contrarios (de desconfiar aínda máis, en plan "publica esa nómina, pero a saber a quen lle pon o cazo").

Rafael García Guerrero, alcalde de Noia

José Manuel Lage presentou xa unha iniciativa (aquí pódense ver completos os motivos e fundamentacións) no Parlamento de Galicia para que todos os galegos poidamos saber o que cobran os nosos políticos polo que fan, o patrimonio que teñen e, importantísimo, o patrimonio co que quedan ao saír do posto para o que o escollemos. Nesa iniciativa recóllense estes cinco puntos:

1.-Presentar, no prazo máximo de tres meses, un proxecto de lei que regule a Publicidade dos Bens, Rendas, Actividades e Intereses dos cargos públicos (Presidente/a; conselleiros/as; secretarios/as xerais/directores/as xerais) da Administracción Autonómica e das Sociedades, Empresas ou Entes dependentes da Xunta así como dos Deputados/as do Parlamento de Galicia.

2.-Incluir no citado proxecto a publicación anual no Diario Oficial de Galicia das correspondentes declaracións de bens, rentas, actividades e intereses, tal e como xa se fai noutras Comunidades Autónomas e tamén por parte do propio Goberno de España.

3.-En relación cos bens patrimoniais, publicarase unha declaración comprensiva da situación patrimonial dos altos cargos da administracción autonómica de xeito individualizado, pero omitíndose aqueles datos referentes á localización e salvagardando a privacidade e a seguridade dos seus titulares.

4.-Incluir no citado proxecto a obriga anual de facer públicos no Diario Oficial de Galicia, os bens, actividades, rentas e intereses dos altos cargos da Xunta de Galicia e dos/as deputados/as nos tres meses seguintes ao momento do seu nomeamento e tamén do seu cese, e igualmente durante os tres anos seguintes ao cese.

5.-Facilitar a tódolos cidadáns a través de internet o acceso aos datos de bens, rentas, actividades e intereses dos cargos públicos da Adminisracción Autonómica, coa obriga da súa actualización ao mesmo tempo que son publicadas as correspondentes declaracións anuais no Diario Oficial de Galicia, pero preservando aqueles datos referentes á localización e salvagardando a privacidade e a seguridade dos seus titulares.

Poñeranse as súas señorías a si mesmas estes axóuxeres? Ou seguiremos os cidadáns tratando de dilucidar quen é rato e quen é gato?

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical