A concelleira socialista subliña que "non para o Sr. Isaac de anunciarnos paseos marítimos por todo o territorio do municipio, incluso chegou a dicir que íamos a poder pasear desde a Ribeiriña a Palmeira por esas pasarelas de madeira. Pasarelas que outras Administracións subvencionan pero cuxo mantemento e conservación correspóndelle ó concello. Por iso é necesario priorizar as necesidades dun pobo, non construír para abandonar".
Segundo a voceira do Psoe da Pobra, "o Concello fai requirimentos aos particulares para que manteñan limpas as súas fincas de acordo coa lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais, pero esquécese de limpar a maleza dos espazos públicos como é o paseo marítimo preto do cámping de Cabío. Algúns turistas mostraron a súa preocupación por se se chega a producir un incendio nas inmediacións do cámping. Se chegara a producirse algún sinistro a responsabilidade caería sobre o concello, pois o Sr. Isaac non pode mandar resolucións aos veciños instando a manter limpas de maleza as propiedades particulares e a Admistración local obvia cumprir coas leis".
Neste mes de agosto, engadiu Teresa García, "hai unha grande afluencia de turistas no noso municipio e a imaxe que lle estamos a dar non é a que o Sr. Isaac nos di: “somos as praias de Compostela”. A enorme praia da Corna está abandonada, as pasarelas cheas de maleza, non se limparon as herbas desde que a demarcación de Costas fixo a obra, non hai papeleiras, os recipientes que se usan para o lixo tardan en desocuparse. Pola contra, a Corna de Palmeira posúe bandeira azul. A nosa Corna ten máis lonxitude e máis valor paisaxístico pero a este goberno municipal non lle interesa poñer en valor este areal".
Finalmente, tamén lle apuntou ao alcalde popular que "a coherencia debe ser a única forma de gobernar, e non hai relación entre as manifestacións que fai o noso mandatario dicindo ata a saciedade que “é imprescindible o fomento do turismo para o desenrolo do noso pobo” e logo teña en semellante estado de abandono un dos principais reclamos turísticos".
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario