22.12.11

Ribeira: os alpinistas que foron ao Himalaia estiveron narrando a súa aventura

Sobrado e Fontaíña, da asociación "Sálvora", contaron na casa consistorial o seu reto aventureiro e humanitario


Ribeira, 22 de decembro de 2011- Os aventureiros José Antonio Sobrado Silva e Roi Fontaíña Martínez narraron onte en primeira persoa as andanzas e incidencias que deberon afrontar durante a súa dura travesía pola cordilleira do Himalaia, culminada fai un mes. Os dous membros da Asociación Cultural e Deportiva Sálvora falaron na Casa do Concello, acompañados de Juan Luis Martínez Queiruga e Anxo Orellán Fernández, concelleiros de Deportes e de Turismo do Concello, que prestou a súa colaboración durante o reto que tivo unha dobre vertente aventureira e humanitaria. 

Os expedicionarios incidiron en primeiro lugar no aspecto humanitario do proxecto, explicando que a vontade de axudar lles animou a poñerse en contacto co cooperante español Toni Aguilar, afincado dende fai máis de dez anos en Katmandú, capital de Nepal, ao fronte da ONG “Direct Help Fundation”. O labor deste barcelonés e o da súa fundación consiste en prestar auxilio ás mulleres e nenos máis desfavorecidos dunha ampla zona de Katmandú, dando acubillo e formación a un grande número de persoas. Sobrado e Fontaíña entregaron á entidade diverso material doado por empresas ribeirenses e o Concello de Ribeira, como material escolar, gafas de sol e dous teclados de ordenador. 

Ademais, tamén efectuaron unha doazón de cubrepescozos polares e gafas de sol ao remoto mosteiro de Tengboche, na rexión de Solukhumbu, a máis de 4.000 metros de altitude, o cal visitaron nos seus primeiros días da travesía de montaña. 

Sen porteadores

Polo que respecta á  expedición en si, o reto consistiu en atravesar a pé unha ampla rexión do Solukhumbu, coroando tres cumios de máis de 5.000 metros (Kalla Patar, Nagartsang e Gokio Ri), accedendo ao campo base do Everest e atravesando un dos pasos de montaña máis elevados do planeta, o Cho La, situado a máis de 5.500 metros de altitude sobre o nivel do mar. A ruta tivo lugar de xeito autosuficiente, sen porteadores nin guías, orientándose mediante mapas topográficos e trasladando o seu propio material. 

Sobrado Silva, quen asumiu a encomenda de explicar a viaxe, dividiu o itinerario en catro partes diferenciadas: en primeiro lugar, o acceso a Namche Bazar, punto de partida da travesía e capital do Solukhumbu, dende a cidade de Katmandú. Tivo lugar a través dun vóo en avioneta con destino ao que está catalogado como o aeroporto máis perigoso do planeta, situado na localidade de Lukla. Despois camiñaron durante dúas xornadas polo val do Khumbu por unha zona na que se atoparon con numerosos trekkerse e expedicionarios chegados de todo o mundo, bañada por augas dos ríos procedentes dos glaciares do Himalaya. Esta parte levounos ata os 3.800 metros de altitude de Namche nunha ruta fisicamente esixente pero na que aínda non eran conscientes dos momentos de extrema dificultade que ían atopar. 

Unha segunda parte estivo formada polo traxecto entre Namche Bazar e o Mosteiro de Tengboche. Comezaron a desaparecer os bosques para dar paso a espectaculares vistas de enormes picos nevados como o Ama Dablam, ou o Cholatse. Realizaron esta parte a través de rutas milenarias empregadas polos porteadores sherpas e caravanas de yaks, e a dureza do percorrido reflectíase no menor número de montañeiros avistados. Á súa chegada a Tengboche fixeron a entrega de material mencionado e foron obsequiados coa cerimonia da Puya, coa que se sole despedir a quen propón mergullarse nas entrañas do denominado teito do mundo. 

A parte máis dura

A parte Tengboche-Namche foi a xuízo dos aventureiros a parte máis longa, dura e desafiante. Foron nove días camiñando en soidade, con temperaturas xélidas, a altitudes por enriba dos 5.000 metros que minaban a súa condición física e psicolóxica “por unha paisaxe desoladoras de glaciares e cumios sobrecolledores”. Entre as maiores dificultades con que se atoparon nesta parte figuran que, para o acceder ao Kalla Patar e o Campo Base do Everest tiveron que bordear durante unha xornada o glaciar do Khumbu, no que se producían continuos desprendementos de pedra e xeo. Ademais, durante a travesía do Cho La afrontaron problemas de desprendementos dunha ladeira de 1.000 metros de desnivel, o paso de montaña estaba totalmente xeado, e as nubes chegárono a cubrir totalmente, provocando problemas de orientación (ese día camiñaron durante 10 horas continuadas en condicións extremas). Outra incidencia notable consistiu en que o regreso a Namche fixérono nunha soa xornada de máis de 12 horas, camiñando de noite e cun frío extremo. 

A cuarta e última parte do traxecto estivo formada por Namche Bazar – Lukla – Jiri. Sobrado relatou que despois do regreso a Namche tiñan previsto volver a Lukla e tomar un voo a Katmandú, pero que as condicións meteorolóxicas fixeron que o aeroporto estivese pechado. Así que decidiron emprender unha travesía de 4 días ata Jiri, primeira poboación con acceso por estrada, e de aí en autobús a Katmandú. Durante esta travesía tiveron que percorrer o corazón de Nepal a través da rexión do baixo Kumbu, alonxados do clima de alta montaña e inmersos nunha rexión selvática de moita chuvia e altas temperaturas. 

Os expedicionarios amosaron o seu agradecemento ás entidades que prestaron a súa colaboración e lembraron que no perfil de facebook riveiratrekaventura hai material fotográfico e información da viaxe e que en breve colgarán no blog riveiratrekaventuda.blogspot.com o seu diario de viaxe.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical