- “Recuerdas” é o tema escollido para a rodaxe, que se fará íntegra en localizacións do municipio
- Animan aos veciños a encher o parque García Bayón o vindeiro mércores 28 de decembro para un dos intres máis emotivos da produción
Ribeira, 22 de decembro de 2011- A xoven banda local Entrelíneas gravará este Nadal o seu primeiro vídeo profesional, a partir do seu tema “Recuerdas”. Así o deu a coñecer hoxe Manuel Caamaño, baixista do grupo, nunha rolda de prensa celebrada na Casa da Xuventude e na que estivo acompañado das concelleiras de Xuventude e Cultura, Aroa Fernández e Elvira Pisos.
A gravación terá lugar os días 27, 28 e 29 de decembro integramente en localizacións ribeirenses. Non obstante, Caamaño non quixo desvelar moitos dos detalles da rodaxe pois se agardan moitas sorpresas: entre elas, o nome da actriz que protagonizará a historia do videofilm, cuxo argumento garda relación cunha muller que se mergulla no mundo das drogas.
O que si quixo foi facer un chamamento á cidadanía do municipio para que o día 28, ás 16.30 horas, todos os veciños que así o desexen se acheguen ao parque García Bayón con motivo da gravación dun dos momentos máis vibrantes do videoclip, no que se escenificará un concerto.
Estrea
Unha vez finalizada a rodaxe, a posprodución terá lugar en Madrid e a posteriori a estrea oficial terá lugar en Ribeira. Os integrantes da banda esperan que este vídeo lles permita dar un salto cualitativo en canto á súa promoción, sustentados en internet e nas redes sociais.
Manuel Caamaño quixo agradecer ao produtor galego afincado na capital de España Bruno Currás Portela, que lles concedera a oportunidade de poder gravar o seu primeiro videoclip profesional.
Tamén tivo palabras de agradecemento para Emilio Romero (a primeira persoa que lles levou a un estudo de gravación) e para o Concello, que colaborará na loxística da rodaxe, segundo afirmou a edil Elvira Pisos.
A concelleira de Cultura tamén recordou a traxectoria ascendente que leva a formación de Entrelíneas con actuacións non só dentro do municipio senón tamén noutras moitas localidades da xeografía galega e española.
MySpace oficial: http://www.myspace.com/EntreLineasrock
O grupo está composto por Fran Regueira (voz), Rubén Caamaño (baixo), Santi Iglesias (guitarra), Marcos Barreiro (batería) e Martín Sampedro (batería). Todos eles roldan os 18 ou 19 anos.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario