A concelleira de Sanidade, Rosa Ana Mariño, e o coordinador do Plan Comarcal de Prevención de Drogodependencias, David Saavedra, foron invitados pola Alianza de Cidades de Tratamento de Drogas
Noia, 27 de setembro de 2010. Máis de 100 participantes que representaban a 30 cidades (entre elas o Concello de Noia) de 28 países da Unión Europea, América Latina e o Caribe estiveron presentes no Foro de Coimbra que tivo lugar entre os días 22 e 25 desetembro. "A presenza neste foro internacional da representación institucional de Noia supón un impulso ás actuacións en materia de drogodependencias", explicou David Saavedra.
A delegación de Noia estivo encabezada pola Concelleira de Sanidade Rosa Ana Mariño González e o Coordinador do Plan Comarcal de Prevención de Drogodepedendencias David Saavedra Pino, invitados pola Alianza de Cidades de Tratamento de Drogas que é unha iniciativa da CICAD (Inter American Drug Abuse Control Commission). Durante as sesións de traballo tratáronse os retos das novas estratexias no deseño dos diagnósticos locais, os modelos de xestión de servizos de tratamento e prevención a nivel local, así como o apoio dende os Organismos Internacionais a programas de redución da demanda. No Cumio de Coímbra as cidades participantes ratificaron a Declaración de Lugo, na cal se considera unha declaración de intencións onde se recoñece que as políticas e programas de redución da demanda de drogas, deben ser amplas, de longo prazo e incluír a promoción de estilos de vida saudables, a prevención do uso e abuso de drogas, o tratamento e a rehabilitación das persoas dependentes das drogas, así como a oferta de servizos de apoio á recuperación da comunidade. A asistencia ao cumio vén motivada por un interese en impulsar as políticas sociais sobre atención aos drogodependentes e fortalecer os programas de prevención de drogodependencias comunitarios, así como o intercambio de experiencias no eido local.
No mesmo cumio deuse continuidade á iniciativa EU-LAC da alianza de cidades en tratamento e reducción da demanda de drogas, na que se promove a inclusión do problema das drogodependencias na axenda política.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario