Ribeira, 17 de novembro de 2010. Arredor dun millar de nenos e nenas de Ribeira van participar este venres, día 19 de novembro, nos actos conmemorativos do Día Internacional dos Dereitos da Infancia, segundo desvelou este mediodía a primeira tenente de alcalde, María Dolores Elorduy Callón. A edil municipal estivo acompañada durante a celebración da actividade das máximas responsables en Ribeira de tres das ONGs que colaboran na iniciativa: Cruz Ribadulla, presidenta de Unicef Riveira; Ángeles Cores, presidenta da Cruz Bermella de Ribeira, e Ramona Pérez, presidenta de Mans Unidas. A acción está promovida polas Concellerías de Xuventude e Educación (os seus titulares respectivos, Vicente García e Xoana Ermitas, non puideron intervir na presentación por encontrarse fóra do concello por tarefas municipais). Ademais das tres ONGs citadas, tamén colaboran outras catro organizacións non gubernamentais (Intermón Oxfam, Cáritas Parroquial, Dignidade Ribeira e Médicos Sen Fronteiras), as asociacións Ámbar e Amicos e distintos centros de Ensino Secundario do municipio.
María Dolores Elorduy declarou que con esta actividade quérese destacar o traballo feito por cada centro de ensino e ocupacional en canto á divulgación da Declaración dos Dereitos dos Nenos e das Nenas, así como “sensibilizar á sociedade en xeral respecto a este tema transcendental para o futuro”. Cruz Ribadulla afirmou que con esta acción preténdese “recordar a todo o mundo que os problemas da infancia existen e que hai moitos nenos que teñen moitas dificultades para sobrevivir". Así mesmo, manifestou que “a infancia é o noso recurso máis preciado”. Nesta idea redundou Ramona Pérez, quen expresou o seu desexo de que “a xente se mentalice de que hai que traballar no futuro dos nenos". Pola súa banda, Ángeles Cores declarou que con esta celebración “logramos que a xente maior se pregunte o motivo da mesma e se preocupe así dos dereitos dos nenos”.
Os actos darán comezo en torno ás 11.35 horas no Palco de Música do Malecón, onde se darán cita os nenos e nenas que van participar, os cales, unha vez concentrados, camiñarán rumbo á praza do Concello portando unhas pancartas conmemorativas de cada un dos dereitos que se queren promover e nos que estiveron traballando nas últimas semanas: igualdade, protección, identidade, benestar, atención á diversidade funcional, amor e comprensión, educación e xogo, preferencia, non explotación e fraternidade. Dez minutos despois, procederase á lectura dos dereitos enumerados por parte dun representante de cada centro educativo e ocupacional participantes e dunha ONG. Acto seguido, o alcalde Xosé Luis Torres lerá un manifesto elaborado para a ocasión.
A continuación, todos os presentes cantarán unha canción solidaria acompañados do grupo de música local Entrelíneas, gañador o pasado verán do Primeiro Concurso de Grupos de Música Local do Concello. Arredor das 12.45 horas porase punto final á actividade e os alumnos regresarán aos seus centros. Finalmente, a primeira tenente de alcalde formulou o seu desexo de que esta vez a meteoroloxía acompañe o acto e non impida o desenvolvemento do mesmo, tal e como aconteceu o ano pasado.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario