17.11.10

Dodro: 45 poemarios compiten no premio de poesía "Eusebio Lorenzo Baleirón", que revelou hoxe o xurado


Imaxe da entrega o pasado ano a Daniel Costas polo seu poemario "Conservas"

Dodro, 17 de novembro de 2010. A Concellaría de Cultura de Dodro, dirixida polo novo concelleiro do BNG Abel Tarrío, manifesta a súa "satisfacción polo éxito da convocatoria da XXIIIª edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, correspondente a este ano 2010".
O pasado sábado, día 13 de novembro, remataba o prazo de recepción para poemarios inéditos e orixinais que nesta edición ampliou notablemente o seu eco entre as/os creadoras/es galegas/os, "co cal reafírmase de novo Dodro como un lugar dos máis sobranceiros do Parnaso galego. En concreto o Concello rexistrou entrada de 45 obras; todas elas pasarán agora a seren valoradas polo xurado para obteren o nome da obra gañadora, un resultado que xa aventuramos laborioso e difícil", explica o Concello.


No solemne acto de entrega do sábado 11 de decembro non faltará a música

Xurado desta edición

Conforme estipula a base oitava do premio Eusebio Lorenzo Baleirón, chegou o momento de dar a coñecer ao xurado desta edición tras de rematar o prazo de admisión. Está composto por Daniel Costas, gañador da última edición; o tamén poeta Modesto Fraga Moure; a profesora de Literatura, poeta e tradutora de Eusebio Lorenzo
Baleirón, Ánxeles Penas e Dolores Vilavedra, profesora da USC e crítica literaria de longa traxectoria.

A decisión do xurado farase pública o día 11 de decembro, ao que seguirá o acto de entrega do Premio á obra galardoada días despois nun acto revestido da maior relevancia cultural que está xa está a preparar, como todos os anos, o Concello de Dodro. O concelleiro nacionalista quere agradecer a todas as persoas que axudan a difundir este galardón e, moi especialmente ás/aos participantes, "que nos dan o privilexio de coñecer a súa obra inédita e poder colaborar no sostemento e promoción da lingua do noso País, neste momento tan delicado no que hai quen pon en duda a súa valía, un produto intelectual universal e froito da sensibilidade dos nosos artistas, que nos axuda a todas e todos a vivir nun mundo máis rico". Abel Tarrío tamén agradece a colaboración da Deputación da Coruña, que financia a organización deste premio.

Gañadores do Eusebio Lorenzo Baleirón ata o 2009

Relacionada:
Pediron o Día das Letras Galegas de 2011 para Eusebio Lorenzo Baleirón

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical