Ribeira, 7 de xullo de 2012.- Onte pola tarde quedou constituído oficialmente o Consello Sectorial de Pesca de Ribeira, que nace coa intención de aglutinar e representar os intereses do sector pesqueiro local e de servir de órgano de colaboración coas distintas instancias que gardan competencia nesta materia.
Ante a presenza con carácter excepcional da conselleira do Medio Rural e do Mar da Xunta, Rosa Quintana, e do secretario xeral do Mar, Juan Carlos Maneiro, o alcalde de Ribeira e presidente do Consello Sectorial, Manuel Ruiz Rivas, explicou que por medio deste órgano se pretende a unión de todos os sectores extractivos e derivados de Ribeira. “Nun mundo globalizado e neste porto que presume de ser o máis importante en pescas como a de baixura, os seus sectores non poden traballar por separado”, afirmou Ruiz Rivas, quen considerou que “a voz de todos debe soar unida e forte”.
Rachar a fenda coa poboación civil
O rexedor local tamén salientou a importancia de que os sectores do mar se unan coa poboación civil, xa que nos últimos anos se deu unha fenda importante que provocou que cando as reivindicacións destes sectores buscaban o apoio da xente que ten o seu oficio en terra, non se dera esa implicación. “Hai que rachar calquera tipo de diferenzas que houbera no pasado”, incidiu.
Unha das propostas que figuraban na orde do día era a de propoñer un grupo de traballo tanto para a mellora e xestión da lonxa actual como da futura lonxa. Sobre esta última infraestrutura, en pleno proceso construtivo e cun investimento superior aos 17 millóns de euros, Manuel Ruiz declarou que a súa execución vén a paliar un sentimento que se tiña en Riveira de que, sendo o porto máis importante en mans da Xunta de Galicia, non se correspondía ese feito cos servizos que alí se prestaban.
Pola súa parte, Rosa Quintana felicitou aos presentes por esta iniciativa e resaltou o feito de que precisamente hoxe pola mañá se constituíra tamén o Consello Galego de Pesca.
Sobre a importancia de que todos os sectores implicados traballen en común, a máxima autoridade en materia pesqueira manifestou: “Todos unidos somos unha potencia, pero por separado non somos ninguén.
Consello Sectorial
Outro dos puntos do día foi a designación de vicepresidente do Consello Sectorial, posto que recaeu na persoa de Manuel Lampón Suárez.
Actúan como vogais: José Antonio Pérez Sieira (en representación da Confraría de Pescadores de San Pedro de Riveira), Miguel Antonio Franco Parada (Confraría de Pescadores de Palmeira, que non puido acudir ao encontro), José Manuel Oujo Fernández (Confraría de Pescadores de Aguiño), Juan Antonio Pérez Vidal (Sociedade Cooperativa Galega do Mar Santa Uxía Limitada), Ignacio Vázquez Abad (Asociación de Armadores de Riveira), Francisco Ayaso Casais (Asociación do Cerco de Riveira e Aguiño), José Manuel Vidal Paz (Asociación de Compradores de Pesca de Riveira), José Manuel Orellán Santos (administrador da Lonxa Municipal de Riveira), Mª Herminia Pouso Maneiro (Grupo Municipal Popular), Xosé Antonio Vázquez Cobas (Grupo Municipal Bloque Nacionalista Galego), Andrés Francisco Fariña Cadenas (Grupo Municipal Socialista), Esteban Paz Mariño (Grupo IPdR), así como Andrés Pérez Pouso e Manuel Lampón Suárez a proposta de alcaldía.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario