- Esta iniciativa foi coordinada desde as instalacións do Espazo Xove que o departamento autonómico ten en Noia
Unha imaxe de arquivo de Strabismo, grupo entrevistado en Certo aquí
Noia, 7 de xullo de 2012.- Un grupo de mozos e mozas de Noia vén de editar un disco homenaxe ao grupo “Os Tamara”, a través do programa de participación xuvenil “Iniciativa Xove” que promove a Consellería de Traballo e Benestar.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou onte esta iniciativa. O obxectivo do proxecto foi recuperar para a mocidade a música dos Tamara e resaltar a importancia desta banda, que tivo grandes éxitos a nivel galego e español.
Neste disco homenaxe, participaron catro bandas da comarca de Noia: Strabismo, Los Chavales, Sinestesia e Morrigan. Todas elas adaptan e reinterpretan os temas dos Tamara “como sentido e humilde homenaxe ao seu traballo pioneiro no eido da música e da cultura galega”.
Esta iniciativa foi coordinada dende as instalacións do Espazo Xove que o departamento autonómico ten en Noia. Pola súa banda, os grupos encargaranse de promocionar e difundir o disco mediante actuacións en locais de ocio da comarca.
O programa “Iniciativa Xove”, que desenvolve a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, ten como obxectivo a posta en marcha de proxectos de carácter innovador, que fomenten a participación xuvenil. Estas iniciativas poden ser presentadas tanto por asociacións, como por grupos informais de mozos e mozas que se unan para levar á práctica os seus proxectos.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado destacou que ferramentas como Iniciativa Xove “permiten que os mozos e mozas poidan demostrar a súa capacidade para organizar, emprender e impulsar aquelas actividades onde eles mesmos son os actores principais”. Ademais, tamén valorou que “a responsabilidade de organizar as súas propias actividades libera un proceso de educación non formal de gran utilidade para o futuro e supón estar creando unha verdadeira escola de cidadanía activa”.
Iniciativa Xove subvenciona proxectos que non poden ser superiores aos 4.000 euros e financiarase o 100% dos gastos, polo que é incompatible con outras axudas destinadas á mesma actuación.
Este programa tamén concede anticipos automáticos de pagamento do 80% como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, a aquelas entidades e grupos informais, que unha vez notificada a resolución de concesión da axuda manifesten expresamente a aceptación da mesma, de xeito que a falta de liquidez non sexa un impedimento para levar a cabo proxectos interesantes.Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario